Rubén Cela: "O Concello ten unha débeda histórica co barrio de Conxo"
O BNG considera necesario un proxecto de humanización para evitar a fragmentación do barrio atravesado pola estrada
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2016.- Preguntado polos xornalistas, Rubén Cela afirmou que o BNG non asistiu á anterior visita da ministra Ana Pastor a Santiago de Compostela porque parecía totalmente improcedente asinar un convenio como o da estación intermodal en plena campaña electoral, "mais que agora veña un cargo institucional doutra administración a facer unha visita a unha obra pois non teriamos problema como BNG en asistir a ese acto ao que non fomos convidados".
Así, indicou compartir a preocupación da veciñanza de Conxo sobre o resultado da obra, pois "este Concello ten unha débeda histórica co barrio de Conxo, esta obra eternizouse por culpa dunha mala xestión das diferentes administracións que interviron e o barrio de Conxo pasouno moi mal estes últimos anos por mor diso, especialmente o pequeno comercio, pero o conxunto dos veciños e das veciñas padeceron a demora", dixo.
"Foi un barrio fragmentado e esta obra causou moitísimos problemas para profesionais e persoas usuarias do Hospital Xeral de Conxo, moitos máis a partir de hoxe cando para acceder haxa que facelo por Volta do Castro", explicou. As obras sempre xeneran "molestias e problemas", por iso as administracións teñen que ser "especialmente cautas para minimizar os tempos e os danos colaterais".
A veciñanza de Conxo amosou "unha tremenda paciencia" durante estes anos e o único que pediron era que se tivese en conta, polo menos, un proceso de humanización da parte superior deste paso inferior para que esa fractura no barrio fose a mínima posíbel, para mellorar a conectividade entre unha parte e a outra da estrada. "Creo que as expectativas da veciñanza non van ser cumpridas porque parece que vai haber unha rotonda un pouco máis floreada, mais iso non é o que demandaban e o que lle correspondía a este barrio de Conxo", concluíu.