O BNG considera “unha provocación e unha burla” que o concelleiro de Educación non saiba se vai ofertar o programa de conciliación de verán
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021.- O BNG considera “unha provocación e unha burla” que o concelleiro de Educación, Rubén Prol, non teña a programación prevista das actividades de conciliación para este verán e afirme “non se sabe se van ofertar ou non”.
A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, estima que o que pretende o Goberno local, atrasando o anuncio das actividades de verán, “é que haxa pouca demanda porque as familias xa buscan recursos noutro lado ao non poder agardar ás semanas previas para saber que van facer con nenos e nenas durante ese período”.
Así, destacou que “nos concellos dos arredores, como o de Ames, o período para inscribirse neste programa de conciliación de verán xa está aberto, como é lóxico”.
Santiago debería reforzar este servizo en tempo de crise
Estamos diante dun “incumprimento flagrante” do que o PSOE levaba no seu programa electoral, de reforzar os servizos de conciliación, manifestou.
“É un despropósito que, nesta crise económica que afecta de maneira especial a familias e ás mulleres que teñen un problema grave de conciliación, o Concello de Santiago non reforce este servizo público”, indicou. Advertiu dun “problema grave de irresponsabilidade” porque son as administracións as que poden garantir os protocolos sanitarios e non se pode descargar nas ANPA estas funcións.
Deste xeito, reclamou unha “reconsideración para que se oferten as prazas de conciliación canto antes”. “Estamos seguras de que se se concertan con tempo vai haber demanda”, sinalou, “ou todas as familias tomarán boa nota da falta de eficacia e de falta de atención ás súas necesidades deste concelleiro de Educación do PSOE”.