PARLAMENTO

O BNG rexistra no Parlamento iniciativas para que a Xunta considere a construción do Imelga en Santiago afastado de zona residencial

Iria Carreira
Iria Carreira
“O barrio das Fontiñas precisa de infraestruturas importantes e urxentes de carácter sociocomunitario como un centro de día e a ampliación do centro sociocultural”, explica a deputada Iria Carreira
O BNG rexistra no Parlamento iniciativas para que a Xunta considere a construción do Imelga en Santiago afastado de zona residencial

Representantes do BNG participarán na manifestación convocada este mércores ás 20:00 h. pola veciñanza das Fontiñas para demandar un cambio de localización do Imelga

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021.-  O BNG rexistrou no Parlamento galego, a través da deputada Iria Carreira, unha batería de iniciativas para solicitarlle a Xunta que considere outro emprazamento para o edificio do Instituto de Medicina Legal de Galiza (Imelga) en Santiago de Compostela, atendendo as demandas da veciñanza compostelá e que quede afastado da zona residencial das Fontiñas.

“O proxecto do Imelga está a suscitar un profundo malestar entre a veciñanza compostelán ao non terse en conta a súa opinión para a decisión do seu emprazamento”, explicou. Deste xeito, a primeira opción do Goberno local de situalo nunha parcela no parque Begoña Caamaño tivo que ser reconsiderada despois da firme oposición das veciñanza da zona. “Tampouco é ben acollida a decisión da Xunta de Goberno local do 19 de abril que optou por ceder unha parcela situada nunha zona residencial das Fontiñas sen atender tampouco a opinión da veciñanza deste barrio”, lonxe de calquera vocación de acordo ou diálogo.

“Esta localización, que está moi próxima ás vivendas, non atende ás necesidades da veciñanza”, advertiu. Así, lembrou que o barrio das Fontiñas supón o 10% de habitantes do concello “e precisa de infraestruturas importantes e urxentes de carácter sociocomunitario, como un centro de día e unha ampliación do centro sociocultural”.

A deputada Iria Carreira explicou que o BNG xa manifestou “a posibilidade de utilizar para a construción do Imelga outras parcelas máis afastadas de zonas residenciais e que non supoñen este malestar entre a veciñanza”. “Esta opción é factíbel atendendo ao prazo de seis meses que se abre para que a Xunta de Galiza acepte esa localización, e tamén porque o Concello posúe parcelas municipais noutras zonas, algunhas delas moito máis afastadas de zonas residenciais”, sinalou.

Lembrou que esta infraestrutura tan necesaria para Santiago vai acoller a dirección do Imelga e a subdirección territorial de Compostela, mais tamén contará con oficinas, consultas, espazo para arquivos e salas de autopsia.

“Deste xeito, desde o BNG no Parlamento galego solicitamos que a Xunta tamén atenda a este conflito e as demandas da veciñanza de Compostela para lograr un óptimo emprazamento para o Imelga”, concluíu a deputada nacionalista.

O BNG rexistra no Parlamento iniciativas para que a Xunta considere a construción do Imelga en Santiago afastado de zona residencial