PLENO
Goretti Sanmartín reclama a apertura de máis espazos públicos para estudar na fin de semana neste tempo de exames e oposicións
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclama que o Goberno local abra espazos para o estudo, coas medidas de prevención da covid-19 necesarias, tendo en conta que Santiago é unha cidade universitaria e administrativa que ten unha grave carencia destes servizos.
O BNG recibiu queixas da falta de espazos municipais destinados ao estudo, nomeadamente bibliotecas e centros socioculturais, que pechan durante as fins de semana sen ofrecer alternativa.
“Cómpre ter en conta que neste período son milleiros as persoas que están a preparar os seus exames tanto para bacharelato, USC, UNED ou oposicións e que, xa durante a semana, teñen dificultade para atoparen sitio nas bibliotecas públicas por mor da redución de aforo derivada das medidas de prevención da covid-19”, explicou.
“Cando pechan a maioría delas nas fins de semana os problemas agudízanse”, sinalou. Por poñer un exemplo, á hora de apertura da biblioteca do Gaiás os sábados e domingos, ás 9:00 da mañá, xa non quedan prazas libres porque as persoas estudantes están a agardar desde horas antes á entrada para poder coller sitio.
Deste xeito, o BNG formula unha pregunta para saber se o Goberno local ten previsto abrir espazos para o estudo, tendo en conta que Santiago é unha cidade universitaria e administrativa que ten unha grave carencia destes servizos.