MEMORIA
O BNG lembra no 175 aniversario dos Mártires de Carral os acontecementos que fixeron xermolar o nacionalismo galego
Goretti Sanmartín reclama que a Comisión técnica das estatuas do Mestre Mateo dea os pasos necesarios para que Xunta e Estado actúen “para evitar que as estatuas saian de Meirás e sexan devoltas ao patrimonio público”
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2021.- O BNG de Santiago organizou un acto para lembrar o 175 aniversario dos acontecementos relacionados cos Mártires de Carral, un momento histórico singular que tivo Compostela como escenario, “onde hai unha xeración que abraza Galiza como proxecto político e que comeza a preocuparse para saír da situación de sometemento e de postergación que padece”, en palabras de Goretti Sanmartín.
O evento contou cunha interpretación teatral de Lucho Penabade, coa portavoz municipal do BNG Goretti Sanmartín e co presidente do Museo do Pobo Galego, o historiador Xusto Beramendi, ademais de deputadas, militantes e simpatizantes da formación nacionalista.
Goretti Sanmartín enmarcou esta iniciativa “nos traballos pola memoria histórica que desenvolve a BNG tamén a nivel local”. Lembrou que hai ano e medio presentou a proposta para crear unha Comisión municipal pola Memoria histórica, que se vai constituír por vez primeira a vindeira semana. Avanzou que nesta comisión reclamará que Santiago de Compostela “non fique sen unha estatua ao alcalde Ánxel Casal, a retirada do nome da avenida Juan Carlos I, como acaba de ser aprobado polo BNG en Pontevedra a favor dunha muller como Virxinia Pereira, e o seguimento a todo o que vai acontecer coas esculturas do Mestre Mateo en poder da familia Franco” após a última sentenza “que demostra que hai franquismo despois de Franco e que queren que sigamos pagando aos espoliadores, a quen estivo roubando patrimonio galego”.
Deste xeito, aproveitou para instar a comisión técnica creada a partir de iniciativas do BNG, tanto no Concello de Santiago como no Parlamento, “que se reuniu e ten estudos avanzados a que dea os pasos necesarios para que Xunta e Estado actúen co fin de evitar que as estatuas do Mestre Mateo saian de Meirás e sexan devoltas ao patrimonio público”.
Xusto Beramendi, pola súa parte, ilustrou “o nacemento da primeira manifestación do nacionalismo político, que é o Provincialismo, que se desenvolve de 1840 a 1846 e que culmina cos feitos da sublevación progresista de Miguel Solís”.