RESIDUOS

Goretti Sanmartín: “O PSOE desbota un modelo ecolóxico no prego de residuos ao rexeitar a planta de compostaxe comarcal”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Santiago seguirá sen moverse dos plans de SOGAMA, que só recicla 3 de cada 100 Kg que recibe
Goretti Sanmartín: “O PSOE desbota un modelo ecolóxico no prego de residuos ao rexeitar a planta de compostaxe comarcal”

O BNG cuestiona que se opte por un modelo de contedores que usará 251 toneladas de plástico en vez de materiais sustentábeis

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, advertiu que o Concello de Santiago vai continuar por 10 anos máis “na mesma liña de xestión ineficiente e antiecolóxica da recollida e tratamento de residuos”, segundo o que expón o prego “dun dos grandes contratos comprometidos desde o inicio do mandato e que só estará licitado, con boa sorte, ao final deste ano”. “Estamos diante dun prego máis estético que ambiental”, destacou.

Goretti Sanmartín lembrou que Santiago foi un dos concellos pioneiros a comezos dos anos 2000, tanto na implantación da recollida separada como na información e concienciación cidadá, destacando a transparencia nos resultados obtidos.

Sobre o novo contrato, subliñou que sae por un período de tempo de 10 anos e en dous lotes. Un deles de 4,5 millóns, o lote II (para papel e cartón), para empresas de economía social e outro lote, o máis grande de 99,5 millóns, lote I, que inclúe todo o resto do servizo. Se o papel e cartón son máis do 20% dos residuos, non se xustifica que menos do 5% do financiamento sexa para o lote II fronte ao lote I, mesmo supostamente en promoción da economía social, advertiu.

“Falamos dun contrato multimillonario, feito ao abeiro de SOGAMA e para comodidade das empresas, sen ter en conta moitas necesidades da veciñanza, nin a corrente de sensibilización ambiental nin un diagnóstico sobre a situación actual e o estudo da posibilidade de remunicipalizar o servizo”, sinalou, “e isto vai condicionar o modelo de residuos dos próximos 10 anos”

“Máis unha vez, o Goberno local do PSOE fai unha licitación sen ter en conta nin tan sequera recoller a opinión da oposición, do movemento ecoloxista e do movemento veciñal, por non falar do colectivo de traballadores e traballadoras da actual concesionaria, un colectivo que coñece ben as necesidades do concello”, explicou.

Para proceder a licitar un contrato que condiciona os próximos 10 anos e, por tanto, varias corporacións, nin sequera se fai unha análise previa do acontecido co contrato actual nin un estudo para ver cal é a mellor fórmula de xestión, se a vía da concesión ou se sería factíbel e rendíbel economicamente optar pola súa municipalización. “Nin sequera un diagnóstico previo das numerosas queixas da veciñanza e os incumprimento da concesionaria”, afirmou.

Segundo explicou, os contidos do prego asentan o modelo SOGAMA e non apostan polos tres R (reducir, reutilizar e reciclar) nin pola creación dunha planta de compostaxe comarcal, “imprescindíbel para que o 5º contedor, o específico para materia orgánica, teña sentido, “e xa falando unicamente do traslado a Cerceda, esta proposta é claramente antiecolóxica”. Do mesmo xeito que non se entende que o Concello aposte pola compostaxe no rural e non no ámbito urbano, onde só se fala das tres illas xa existentes até o momento.

Os novos contedores serán fabricados con 250 toneladas de plástico

Tamén cuestiona que non se inclúan condicións ecolóxicas nos materiais dos contedores, o que dá como resultado que as persoas contribuíntes de Compostela van mercar arredor de 250 toneladas de plástico de primeira fusión de alta densidade procedente directamente dunha refinaría.

O BNG leva tempo esixindo un Servizo de control das concesionarias. “Esta é unha das concesións máis potentes, non só de Compostela, senón do conxunto de concellos do noso país, e a falta dese servizo de control, o mínimo é que exista unha cláusula que obrigue a unha fiscalización externa continuada sobre o grao de cumprimento das obrigas adquiridas pola concesionaria”, indicou. Para iso é necesario incluír unha partida específica para que a empresa pague a fiscalización do traballo realizado e do cumprimento do prego, coa escolla de auditoría por parte do Concello.

Sen moverse dos plans de SOGAMA, que só recicla 3 de cada 100 Kg que recibe

Agora en 2021, o Concello anuncia novas licitacións por 10 anos pero na liña do que se viña facendo e sen moverse un milímetro dos plans de SOGAMA. Cómpre lembrar que SOGAMA só recicla 3 de cada 100 Kg que recibe e que Santiago se sitúa tan só arredor do 14% da reciclaxe.

“O uso das TIC non é suficiente para mellorar a xestión e menos aínda para facela máis ecolóxica”, sinalou Goretti Sanmartín. Nin sequera SOGAMA cre no funcionamento dese quinto contedor, que está a recoller unha fracción mínima dos bioresiduos e con calidade máis que deficiente, nin sequera se sabe cal vai ser o destino deses bioresiduos, pois o lóxico sería tratalos nunha planta comarcal de compostaxe que non se inclúe. “O transporte directo a Cerceda ademais de moi custoso, é o mellor indicador do seu fracaso: cunha capacidade para procesar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica procedente dos concellos limítrofes (Cerceda, Ordes, Carballo, A Laracha, Arteixo, Carral, Tordoia...) non chegaría para os bioresiduos do concello de Santiago, estimados nunhas 18.000 toneladas anuais”, subliñou a portavoz nacionalista en Raxoi.

Mais o seguro é que desas 18.000 toneladas anuais de bioresiduos que xera Santiago, o quinto contedor non captará apenas máis que unha pequena fracción. Os resultados SOGAMA para 2019, no referido ao contedor amarelo (residuos de envases lixeiros), mostran que tras máis de 2 décadas de funcionamento e mellora, recolleu só o 22,1% dos residuos xerados (en bruto), cifra que tras a separación en planta ficou nun 13,4% da fracción de envases lixeiros.

Para o BNG, o Concello de Santiago debería revisar a súa participación en SOGAMA e estabelecer un sistema de recollida porta a porta avanzado para todas as fraccións de residuos, o que garantiría unha reciclaxe superior ao 70%, sen incremento de custos. Pola contra, unicamente o 10,5% dos residuos urbanos que entraron a SOGAMA en 2019 foron recuperados para reciclaxe, e non sempre con boa calidade.

Materiais empregados

A respecto dos materiais empregados, soamente as 1.516 unidades de colector de lixo de carga lateral que solicita o prego representan 195 toneladas de polietileno virxe de alta densidade. A esta agresión ambiental hai que acrecentar os 705 colectores de carga traseira que tamén serán de plástico virxe de alta densidade, e que representan outras 17 toneladas de polietileno.

“Entre os lotes 1 e 2 compraranse 251 toneladas de plástico”, advertiu en referencia á partida de 1.354.345 € e mais IVE, porque son máis baratos para as concesionarias. E ademais o prego non pondera, non orienta nin fai mención á sustentabilidade das solucións de contenerización que han de propoñer as empresas que opten ao contrato. Isto é, “non se esixe ningún parámetro ambiental para este investimento: nin ecodeseño, nin fenda de carbono, nin fenda hídrica, nin transición ecolóxica,  nada que poida alentar apostas verdadeiramente ecolóxicas e sustentábeis por parte dunha concesionaria”, engadiu.

O que vai acontecer é que as mesmas persoas contribuíntes a que se lles solicita unha maior eficiencia na xestión dos residuos que xeran decotío, van pagar por un investimento antiecolóxico e non sustentábel. Cun exemplo básico, se alguén ten que ir ao supermercado coa bolsa da casa, a Administración local tamén está obrigada a utilizar recursos non ecolóxicos e ten o deber de actuar en consecuencia.

En resumo, que en 2021 un concurso deste tipo non teña en conta os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel 2030 nin as estratexias de economía circular ou cambio climático, é desde logo “moi pouco edificante e moi mal exemplo dunha vontade realmente verde”, expuxo.

Solidariedade co persoal en folga porque Urbaser non cumpre o contrato

Aludiu tamén a que faltaría unha planificación complementaria de que vai acontecer no próximo ano, mentres o proceso de adxudicación continúa en marcha, con moitísima maquinaria en mal estado, sen practicamente contedores de reserva e cunha concesionaria que non cobre as baixas de traballadoras e traballadores e non dota de recursos humanos e materiais precisos para acometer o seu traballo.

“Por iso quero solidarizarme co persoal de Urbaser que estará en folga os próximos días, a partir do 30 deste mes, reclamando melloras para realizar o seu traballo, o cumprimento das obrigas da concesionaria, de maneira especial co Concello de Santiago, e un recoñecemento da antigüidade que a empresa nega”, concluíu a portavoz municipal do BNG.

 

 

Goretti Sanmartín: “O PSOE desbota un modelo ecolóxico no prego de residuos ao rexeitar a planta de compostaxe comarcal”