PLENO

O BNG preguntará no Pleno pola habilitación dun espazo alternativo para colectivos que usaban a Casa do Matadoiro

Navia Rivas, concelleira do BNG
Navia Rivas, concelleira do BNG

Transcorrido un ano desde o seu peche, o Goberno local non ofreceu un local para poder continuar co labor de numerosas asociacións

O BNG preguntará no Pleno pola habilitación dun espazo alternativo para colectivos que usaban a Casa do Matadoiro

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021.-  O BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para emprazar o Goberno local a atender as necesidades do tecido asociativo da cidade e habilitar un espazo adecuado para a súa utilización polos colectivos que usaban a Casa do Matadoiro.

Segundo trasladaron ao BNG, o pasado venres 16 de abril, minutos antes da concentración pola tentativa de suicidio de un menor trans vítima de acoso, diversos colectivos dos que viñan facendo uso da Casa do Matadoiro nos últimos anos atoparon que fora cambiada a fechadura do edificio sen ter dado ningún tipo de aviso, deixándoos sen acceso a material como pancartas, bandeiras ou instrumentos que precisaban tanto para a propia concentración como para outras actividades durante a fin de semana.

“Desde que no ano 2017 a antiga Casa da Xuventude foi cedida polo Concello para o seu uso polo tecido asociativo de Compostela, o espazo do Matadoiro foi utilizado por numerosos colectivos feministas, LGBTI, ecoloxistas, grupos de baile e de teatro, coros, artistas e artesás, asociacións veciñais, agrupacións culturais, actividades de lecer para a terceira idade e unha longa listaxe de usos que facían da nosa cidade un espazo máis vivo e amable”, explicou Navia Rivas.

Cando se impuxo o estado de alarma en marzo de 2020 o espazo foi clausurado, mais tras a desescalada non se permitiu aos colectivos retomar a actividade normal baixo a escusa de que se ía aproveitar o parón para realizar as obras de acondicionamento do edificio, sinalou a concelleira.

“Transcorrido máis dun ano desde o peche, o Concello de Santiago non só nunca chegou a ofertarlle unha localización alternativa aos colectivos e persoas que facían uso deste, senón que lles fechou o acceso ás súas pertenzas sen comunicalo debidamente, por iso o BNG trasladará esta iniciativa ao Pleno para que lles habilite un espazo para poderen desenvolver as súas actividades”, concluíu.

 

 

 

O BNG preguntará no Pleno pola habilitación dun espazo alternativo para colectivos que usaban a Casa do Matadoiro