O BNG defende no Pleno unha moción para manter os rexistros civís públicos nas vilas e cidades
Rubén Cela advertiu que co traspaso ao rexistro mercantil se privatizarán estes servizos e as empresas non garantirán a confidencialidade de datos persoais
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2015.- O grupo municipal do BNG defenderá unha moción no Pleno de abril destinada a esixir a paralización do traspaso do Rexistro Civil aos rexistros da propiedade e mercantís e a garantir o seu carácter público, a atención nos xulgados de paz e a súa gratuidade, contra a medida que prevista para entrar en vigor o 15 de xullo.
Segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa, o Goberno do PP no Estado español aprobou o pasado ano o Real Decreto-lei 8/2014 que leva aparellado o traspaso dos rexistros civís aos rexistros da propiedade e mercantís. Desaparece, así, un servizo público que se prestaba gratuitamente á organización rexistral, onde se gravan cun arancel as prestacións realizadas aos usuarios e usuarias, indicou.
O Rexistro Civil é un servizo público e gratuíto que cumpre numerosas funcións, que son indispensábeis para a vida diaria, como a inscrición de nacementos, estado civil, cambio de nome ou de sexo. As persoas usuarias van ser as que precisaren expedir documentos básicos para acreditar a súa situación, uns documentos que, á súa vez, son obrigatorios para cobrar pensión, prestacións de servizos sociais ou axudas públicas. Para alén disto, en moitos casos terán que facer desprazamentos, pois confirmouse que o Rexistro vai ser asumido unicamente por aqueles que teñen competencias mercantís. O mapa, pois, na Galiza ficaría só con rexistros na Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra, fronte á actual presenza dos rexistros civís en todos os concellos galegos.
Rubén Cela cuestionou tamén que esta decisión foi adoptada despois de investir inxentes recursos públicos para a modernización e dixitalización dos rexistros civís, que agora se poñen en mans privadas, con taxas que non ingresarán nas arcas públicas senón nas dos rexistradores directamente.
Destacou tamén que a protección de datos persoais e obrigatorios que contén o Rexistro Civil queda en evidencia ao se poñer en mans de persoal que non ten o carácter de funcionariado público nin o deber de confidencialidade. Por outra parte, é preciso non esquecer a previsíbel perda de postos de traballo de persoal dependente agora do Ministerio de Xustiza.
Neste sentido, Rubén Cela comprometeuse a apoiar dende o BNG as mobilizacións que se convoquen a favor de manter estes rexistros con carácter público e en todas as vilas e cidades do país.