Asemblea Aberta do BNG para ultimar o programa electoral
Será o venres ás 20:30 no local comarcal do BNG situado na rúa do Home Santo
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2015.- O BNG convoca unha asemblea aberta, enmarcada no proceso Construíndo Futuro, para debater e aprobar o programa electoral co que concorrerá ás vindeiras eleccións de maio. Ademais, neste encontro trataranse diversos temas da organización da campaña, como os canles de participación e a programación de actos.
Esta asemblea, aberta a simpatizantes, será o venres ás 20:30 no local comarcal do BNG situado na rúa do Home Santo, número 54. O BNG exporá os mecanismos para realizar o traballo de preparación e de distribución de material divulgativo, de encontros coa veciñanza e co asociacionismo e anunciará as principais datas de actos previstos, para quen queira colaborar na organización. Facilitarase tamén a posibilidade de organizar Cafés para 5 para aquelas persoas que queiran coñecer as propostas do BNG-Asembleas Abertas.
Deste xeito, ponse en valor o traballo colectivo de militantes e de simpatizantes do BNG a favor do cambio transformador que precisa Santiago de Compostela despois dos últimos catro anos que padeceu o peor goberno da etapa democrática do concello e que estivo marcado polas numerosas imputacións por supostos delitos ligados á corrupción e ás malas prácticas na xestión municipal.