O BNG propón a creación dun novo aparcadoiro público baixo o campo de fútbol do campus sur
Esta proposta contribúe a reducir o tráfico e a gañar prazas de estacionamento
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2015.- O candidato Rubén Cela, acompañado de persoas encargadas da elaboración do programa electoral do BNG, presentou a iniciativa para crear un novo aparcadoiro público soterrado no campus sur destinado a incrementar as prazas de estacionamento e a reducir o tránsito de vehículos na cidade.
Así, presentou un proxecto para facer un novo aparcadoiro público baixo o campo de fútbol da rúa López de Marzoa, que mesmo se podería interconectar entre os edificios das facultades de Dereito, de Políticas e do Centro de Orientación Integral ao Estudante (COIE). A proposta consiste en habilitar un espazo para aparcamento 100% de xestión pública e mellorar as condicións do campo de fútbol, co fin de acometer un proceso de modificación de mellora da contorna urbana do campus universitario.
Trátase dunha intervención factíbel, máis económica que outras que se presentaron para a avenida da Coruña, por exemplo, porque un dos custes máis elevados para construír un aparcadoiro soterrado son as canalizacións e, neste caso, sería máis doado. Ademais, subliñou que sería un dos aparcadoiros de máis capacidade de Santiago e que está nun emprazamento estratéxico para recibir o tráfico da zona sur da cidade e de Bertamiráns e Milladoiro, á parte de dar servizo ao campus universitario e de estar a uns minutos do Ensanche.
Máis zonas de aparcamento
Para Rubén Cela, pódense facer novas zonas de aparcamento público nas contornas do Conservatorio de Música e da Casa de Asociacións en Cornes, onde existe outra parcela propiedade do ADIF que se pode converter en bolsa de aparcamento. Hai que acometer en paralelo esta ampliación de prazas públicas co avance no proceso de humanización do Ensanche e do conxunto da cidade, afirmou. Deste xeito, para os prezos dos aparcadoiros que son tremendamente elevados e abusivos non hai mellor proceso de negociación con esas concesionarias que introducir unha competencia pública para que a oferta privada reaccione e axuste as tarifas.
Segundo explicou Rubén Cela, o BNG defende outro modelo de urbanismo onde as persoas sexan o primeiro, máis amábel, segura e respectuosa, sempre a favor da humanización da cidade que se complementa nalgúns casos con peonilizacións, ancheamento de beirarrúas, cambios de mobiliario urbano... Porén, non se poden propor cambios drásticos de supresión de zonas de aparcadoiro en superficie como fai agora o PP sen ofrecer alternativa para estacionar tanto para a veciñanza como para quen procede de concellos limítrofes e traballan, fan vida e fan gasto en Santiago de Compostela, cando é un prioridade para o pequeno comercio, explicou.