Café para 5 con persoeiros históricos para reivindicar o seu legado e difundir medidas do programa

Rosalía de Castro, As Marías, Ánxel Casal e Diego Xelmírez percorreron a Cidade Histórica e interesáronse polas propostas da formación nacionalista
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2015.- O BNG-Asembleas Abertas organizou un Café para 5 coa participación de Rosalía de Castro, Ánxel Casal, As Marías e Diego Xelmírez que conversaron con membros da candidatura como Rubén Cela, Goretti Sanmartín, Rafael Vilar e Pilar Lueiro para interesarse polas propostas que a formación nacionalista leva no seu programa electoral sobre temas históricos e de actualidade vinculados a medidas culturais, sociais e laborais, entre outras.
Así, logo de dar un paseo pola cidade, os persoeiros fixeron cadansúa presentación e realizaron preguntas concretas sobre o programa do BNG-Asembleas Abertas. Rosalía de Castro lembrou que na súa época se volveu escribir en galego e describiu o drama da emigración nun país que agora volve expulsar a mocidade da nosa terra, de xeito que se interesou polas medidas do BNG para fortalecer a lingua e a cultura galegas, ademais da necesidade de crear de emprego estábel e de calidade, especialmente para a mocidade e para as mulleres, segundo lle explicou Rafael Vilar.
O que fora alcalde nacionalista da cidade polo Partido Galeguista en 1936, Ánxel Casal, preguntoulle a Rubén Cela polas medidas do BNG para democratizar e facer partícipe a veciñanza das decisións políticas. O candidato do BNG avanzou que a idea é abrir unha quenda de palabra nos plenos para o asociacionismo e facer consultas populares sobre temas de interese para cidade, co fin de gañar transparencia e recuperar a imaxe de prestixio de Santiago de Compostela.
Perante o arcebispo Diego Xelmírez, Pilar Lueiro indicou a intención do BNG de cobrar o IBI da Igrexa nos espazos con afán lucrativo e que non gozan de exención no Concordato como os destinados a uso social, de culto ou de ensino, co fin de que o Concello de Santiago destine eses fondos públicos a un uso social.
Maruxa e Coralia, as Marías, preguntaron polas políticas sociais e segundo lles explicou Goretti Sanmartín o BNG quere declarar Santiago de Compostela como cidade libre de desafiuzamentos, ademais de fortalecer os servizos sociais con carácter público para evitar esta dramática situación actual.
A creación de emprego, o feminismo en colaboración co tecido asociativo da cidade, o apoio ás reivindicacións de colectivos como afectados polas preferentes e emigrantes retornados, ademais das protestas contra a Troika, tamén tiveron presenza neste Café para 5 organizado no Literarios, na praza da Quintana.
Para máis información, pódese descargar o guion.teatralizado (pdf, 396 KB)