Candidaturas do BNG-AA en todos os concellos da comarca “para axudar a desaloxar o PP da Deputación"

Candidaturas do BNG-AA en todos os concellos da comarca “para axudar a desaloxar o PP da Deputación"

Contan cunha ampla renovación de cabezas de lista e cun 40% de independentes

bngcompostela

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2015.- O BNG - Asembleas Abertas presenta candidatura en todos os concellos da comarca de Compostela. Segundo explicou Judith Viqueira, unha moza de 20 anos que vai como independente no número 2 de Val do Dubra, “estas listaxes dan conta da implantación territorial do BNG-Asembleas Abertas, para facer valer a traxectoria e o proxecto de país”.



Destacou tamén “a receptividade atopada á hora de incorporar nas candidaturas persoas que non son militantes e que queren ser partícipes do modelo transformador que impulsa a formación nacionalista”. Así, subliñou que o 40% das persoas que van nestas candidaturas da comarca son independentes.

Outros dos aspectos en que incidiu foi na renovación de cabezas de cartel con respecto a hai 4 anos en 11 dos 20 concellos na comarca e que son listas paritarias, con presenza igualitaria entre homes e mulleres.

Pola súa parte, Rubén Cela, candidato por Santiago de Compostela, sinalou que estas candidaturas están integradas por “persoas honradas, honestas, traballadoras, con vocación de servizo aos seus veciños, veciñas e do seu país”.

O vindeiro 24 de maio a veciñanza está chamada ás urnas para elixir os gobernos municipais pero indirectamente, afirmou, “tamén a representación nas deputacións provinciais”. “As candidaturas municipalistas que concorren nun único concello, en gran medida, deixan en bandexa que se poida perpetuar o PP na Deputación da Coruña co que iso significa de continuísmo de políticas clientelares e caciquís”, explicou. “As candidaturas que se presentan de xeito disgregado, ao non sumaren apoios entre si están a facilitar que siga a gobernar a lista máis votada, neste caso o PP”, engadiu.

O BNG historicamente estivo en contra das deputacións provinciais, xa dende o nacionalismo histórico nos tempos de Castelao e de Bóveda, por seren institucións decimonónicas e anacrónicas que non teñen a ver coa actualidade económica, social e de distribución territorial do noso país, cando “o ideal sería trasladar o seu orzamento e persoal aos concellos”. Rubén Cela definiu estes entes provinciais como “un niño de caciques, de corruptelas e de malas prácticas pero tamén estamos convencidos de que mentres existan é necesario desaloxar o PP desas institucións, precisamente, para desterrar esas malas prácticas”.

Así, dixo, “o BNG é garantía de poder desaloxar no terreo práctico o PP, non só dos concellos da comarca senón tamén das deputacións provinciais, porque quen escolla unha papeleta do BNG-Asembleas Abertas o vindeiro 24 de maio sabe que é unha organización política nacionalista, de esquerdas e do que dela dependa non deixará gobernar o PP nos seus concellos, ademais de axudar a desaloxalo da Deputación da Coruña”.

Candidaturas do BNG-AA en todos os concellos da comarca “para axudar a desaloxar o PP da Deputación"