O BNG defenderá no Pleno unha moción para converter as Hortas nun parque público con hortas urbanas
Trátase dun lugar emblemático de superficie agraria útil que cómpre poñer a producir ao tempo que se transforma nun espazo para o lecer
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago traslada ao Pleno unha moción para converter as Hortas nun parque urbano compatíbel co uso agrícola tradicional de hortas de carácter público.
En Santiago de Compostela púxose en marcha un programa de hortas urbanas para fomentar as prácticas agrícolas ecolóxicas e tradicionais ao tempo que se recuperou superficie agraria útil desaproveitada en Belvís, Fontiñas-Cotaredo e Caramoniña, cunha ordenanza municipal específica que as regula. Así, o Concello cede o uso destas terras á veciñanza e as parcelas están identificadas con cadanseu número e nome da persoa que a cultiva, ademais de pór a disposición un espazo de usos comúns con aseos e vestiarios, apeiros e auga, entre outros.
A zona das Hortas, en actual estado de abandono, pódese converter nun atractivo parque urbano para o lecer compatíbel co uso do sistema de leiras públicas xa experimentado con éxito noutros emprazamentos de Santiago de Compostela, recolle o texto da iniciativa do BNG. Trátase dun lugar emblemático de superficie agraria útil que cómpre poñer a producir ao tempo que se transforma nun gran parque, de dimensións superiores á praza do Obradoiro, para o goce da veciñanza e das persoas que visitan a cidade, engade.
Deste xeito, promóvese tamén o consumo de produtos locais e a súa produción nestas hortas que recuperan a función de orixe que mesmo quedou plasmada na toponimia, cunha boa oportunidade para a fusión rural e urbano cun carácter sustentábel.
Así, a proposta que o BNG trasladará ao Pleno vai encamiñada a poñer en marcha o proxecto de converter a zona das Hortas nun parque urbano compatíbel co uso tradicional agrícola de leiras de carácter público.