Rubén Cela advirte que os orzamentos están incompletos e pregunta pola documentación pendente"
Seguen unha estrutura continuadora dos orzamentos anteriores, explicou o portavoz municipal nacionalista
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2016.- O portavoz do grupo nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, con respecto á tramitación dos orzamentos destacou que aínda falta documentación pendente como as bases de execución, das que só se coñecen as subvencións nominativas; as contas de Incolsa e do Auditorio; o marco xeral de estabilidade orzamentaria, que desta vez non cumpre a regra do gasto; o informe económico financeiro que debe acompañar o orzamento e a estimación da liquidación de ingresos de 2015.
Aludiu, así, a unha estrutura tremendamente continuadora dos orzamentos anteriores elaborados polo PP, posto que nin son participativos nin introducen un cambio de modelo a respecto das subvencións nominativas que cualificou de arbitrarias.
Máis alá de entrar nunha discusión partida a partida, o primeiro que hai que valorar é o marco global, explicou Rubén Cela, e, de momento, no BNG parécenos unha proposta moi mellorábel.