Rubén Cela: O desenlace da contratación dos comedores era previsíbel
Empraza o Goberno local a estudar a xestión directa do servizo de comedores escolares e a iniciar o diálogo coa Xunta para que asuma as competencias
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, sobre a crise xurdida ao abeiro da contratación do servizo de comedores escolares logo de que renunciase tamén a última empresa presentada, manifestou en rolda de prensa que o desenlace era máis que previsíbel. Dende o BNG levamos meses advertíndolle ao Goberno local que o problema está nos pregos de contratación, que están mal feitos e dese xeito ou non se cumpren ou perden diñeiro, explicou.
Así, subliñou que en todo este proceso, o Goberno municipal demostrou unhas carencias evidentes na xestión ordinaria do Concello e unha nula capacidade autocrítica. O que mal comeza, mal remata; polo medio non existiu propósito de emenda e, claramente, foi o que aconteceu no caso dos comedores escolares, engadiu.
Rubén Cela requiriulle ao Goberno de Compostela Aberta que se solvente a situación canto antes, dixo, posto que están afectados 800 nenos e nenas, as familias e as traballadoras e traballadores.
Ademais, logo da decisión adoptada de licitar até xuño mediante un procedemento negociado sen publicidade, demandou que a convocatoria se publique no perfil do contratante. Propuxo tamén que se estuden en paralelo tres vías: redactar novos pregos dun concurso con novas características consensuado coa comunidade educativa e dispoñer dunha liña de axudas dende o Concello; estabelecer un diálogo coa Xunta coa intención de reverter a xestión no Goberno galego que ten as competencias na materia e, finalmente, estudar a xestión directa do servizo dos comedores escolares por parte do Concello de Santiago.