MOBILIDADE

O BNG defenderá no Pleno as demandas da liña de autobús e melloras de accesibilidade no barrio da Almáciga

Rexistro de sinaturas para reclamar autobús e accesibilidade na Almáciga
Rexistro de sinaturas para reclamar autobús e accesibilidade na Almáciga

A veciñanza recolleu centos de sinaturas, a raíz dunha proposta xurdida nunha asemblea aberta do BNG

O BNG defenderá no Pleno as demandas da liña de autobús e melloras de accesibilidade no barrio da Almáciga

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022.-  A portavoz do BNG, Goretti Sanmartín, acompañou representantes da veciñanza da Almáciga que entregaron máis de 300 sinaturas no Rexistro municipal para reclamaren unha liña de transporte urbano, a reordenación do tráfico, novas zonas de aparcamento e a mellora da accesibilidade neste barrio.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, o BNG vai presentar unha iniciativa no Pleno de setembro para apoiar a veciñanza da Almáciga que leva un tempo recollendo sinaturas e preocupada pola situación de accesibilidade ao barrio, onde non chega o autobús á zona máis elevada pese ao compromiso existente, hai falta de zonas de aparcamento e un problema de mobilidade derivado do dobre sentido de circulación pola rúa do Pino.

Ademais de facer un estudo sobre a mobilidade, o que demanda a veciñanza é que se adopten medidas de urxencia, entre as que citou “que o autobús chegue arriba, que se estude a viabilidade de facer aparcamentos nas terrazas situadas entre os edificios na rúa de Touro e, ademais, que se mire a posibilidade de dotar de ramplas mecánicas ou ascensores para salvar os desniveis que existen”.

“É unha reclamación histórica por parte da veciñanza e é unha necesidade básica que teñan estes servizos imprescindíbeis para garantir que a poboación fique nese barrio, onde hai moita xente maior e con problemas de mobilidade”, explicou.

Pola súa parte, Fernando Varela, en representación do colectivo que recolleu as sinaturas sinalou que “a veciñanza da Almáciga vive nun nos barrios máis altos do concello e iso provoca unha separación para comunicarse co resto da cidade, ten problemas de persoas maiores de idade con dificultades de mobilidade que se ven encerradas no seu barrio pola rúa Tomiño, Pastoriza, Costiña do Monte, Arzúa que non son accesíbeis e, ademais, non dispoñemos de transporte público nin de ramplas adaptadas”. “Iso provoca unha emigración do barrio; da rúa do Pino xa catro persoas marcharon para Ames este ano e, se queremos ter un concello turístico perfecto e un Ames cheo de composteláns, a política pode seguir sendo esta”, indicou con retranca. Así, para que o Concello de Santiago busque unha solución, “entre xullo e agosto recolléronse máis de 300 sinaturas, cunha alta receptividade”, destacou Fernando Varela.

 

 

 

 

O BNG defenderá no Pleno as demandas da liña de autobús e melloras de accesibilidade no barrio da Almáciga