PLENO

BNG exixe incluír á Galiza no mapa de autoestradas ferroviarias de mercadorías proposto polo Goberno do Estado

Reunión con representantes do Foro Cívico
Reunión con representantes do Foro Cívico
Sanmartín presenta a moción que se debaterá no pleno municipal para conseguir que haxa unha modificación nos plans do Goberno do Estado “e que poida haber un corredor de mercadorías que teña en conta a Galiza e Santiago”
BNG exixe incluír á Galiza no mapa de autoestradas ferroviarias de mercadorías proposto polo Goberno do Estado

Rego: “Non existe razón obxectiva para esta exclusión. Imos traballar para evitar esta discriminación porque o Goberno do Estado ten que atender as necesidades da Galiza”

Carlos García (Foro Cívico) chama as forzas políticas e sociais da cidade para transformar Santiago e recuperar o pulso industrial

Madrid, 19 de setembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego mantén unha reunión con representantes do Foro Cívico de Santiago de Compostela para trasladar as iniciativas sobre o novo mapa de autoestradas ferroviarias de mercadorías proposto polo Goberno do Estado. Para a frente nacionalista é necesario que o executivo rectifique a súa decisión de excluír á Galiza na proposta presentada, e rematar coa discriminación que sofre, para favorecer o desenvolvemento da actividade industrial no País e, en concreto, Santiago de Compostela.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a voceira da organización no Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, manteñen un encontro con representantes da Asociación de Empresarios e Empresarias do Tambre e da Cámara de Comercio, integrados no Foro Cívico. Durante a xuntanza, a frente nacionalista trasladou as iniciativas presentadas para que o Goberno do Estado non exclúa á Galiza no novo deseño do mapa ferroviario de mercadorías.

“Existe unha discriminación coa Galiza, e tamén con Santiago de Compostela, nas previsións do Goberno do Estado a respecto dos corredores de mercadorías. O deseño deixa fóra á Galiza e impedirá a industrialización de Santiago” explica a voceira do BNG. Esta decisión do executivo central vai en contra da aposta da organización nacionalista de construír a estación de mercadorías da Sionlla. “Unha estación que estivo enriba da mesa en moitas ocasións e mesmo ten unha reserva dunha parcela de 70 mil metros cadrados no PXOM para a súa construción” engade Sanmartín.

Alén do máis, Goretti avanza o rexistro dunha moción para o seu debate no vindeiro pleno municipal para “que todos os grupos políticos apoien esta iniciativa” e conseguir que haxa unha modificación nos plans do Goberno do Estado “e que poida haber un corredor de mercadorías que teña en conta a Galiza e Santiago”. Para a portavoz municipal, é evidente a necesidade de potenciar o Eixo Atlántico e iso pasa por incluír a Santiago e á Galiza no novo mapa ferroviario de mercadorías.

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso mostra a súa indignación ante a discriminación que sofre “novamente aGaliza” por parte do Goberno do Estado e anuncia que “o BNG non quedará calado”. “Non hai ningunha razón obxectiva para esta exclusión. Mesmo se collemos os datos, por exemplo, do porto da Coruña, vemos como existe maior movemento que nos portos de Barcelona ou Valencia” destaca Rego.

“Estamos falando do ferrocarril, un medio de transporte eficaz, eficiente e sustentábel. Polo tanto, non podemos permitir o luxo de que a Galiza fique excluída destas autoestradas ferroviarias de mercadorías” afirma. Lembra, ademais, que a organización nacionalista xa presentou iniciativa no Congreso neste sentido e fai un chamamento ao resto de forzas políticas con representación na Galiza e todas as entidades cívicas “para defender algo que é básico para o noso País”.

De non rectificar, as empresas galegas seguirían perdendo competitividade por un aumento de custos de produción en relación con aqueles outros territorios que si poderán acceder a esas autoestradas ferroviarias. “Máis aínda se implantan peaxes nas autovías o que agravaría esa situación. Imos traballar para evitar esta discriminación porque o Goberno do Estado ten que atender as necesidades da Galiza” reivindica.

Recuperar o pulso industrial en Santiago de Compostela

“Se queremos que a cidade de Santiago sexa algo máis que unha cidade de servizos a estación de mercadorías é unha infraestrutura básica para desenvolver a actividade industrial” afirma Carlos García, voceiro do Foro Cívico. Sinala a idoneidade da iniciativa presentada e chama a todas as forzas da cidade -alén das forzas políticas representadas no consistorio- para “exixir ao Goberno do Estado que rectifique a súa decisión”.

 

BNG exixe incluír á Galiza no mapa de autoestradas ferroviarias de mercadorías proposto polo Goberno do Estado