CENTROS SOCIOCULTURAIS

O BNG reclámalle ao Goberno local que a empresa de atención ao público dos centros socioculturais subrogue á totalidade do persoal

BNG
BNG

Goretti Sanmartín insta o alcalde a intervir para evitar o despedimento e reducións de xornada que queren aplicar a persoas con discapacidade

O BNG reclámalle ao Goberno local que a empresa de atención ao público dos centros socioculturais subrogue á totalidade do persoal

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2022.-  O BNG reclámalle ao Goberno local que vele polo cumprimento dos acordos e do contrato dos centros socioculturais, xa que a empresa Nor'integra se nega a aplicar o convenio de centros especiais de emprego, non quere subrogar unha traballadora e reduciu o horario das xornadas a dúas persoas, ademais de baixarlle o salario ao persoal subrogado.

“Recibimos queixas do persoal dos centros socioculturais ante os incumprimentos intolerábeis do convenio por parte dunha das empresas adxudicatarias, a que gañou o lote de atención ao público”, indicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG. Así, lembrou que o alcalde se comprometera en Pleno a subrogar a totalidade do persoal dos centros socioculturais e a manter os seus dereitos laborais.

Segundo lle indicaron ao BNG, Nor'integra foi a única empresa que se negou a aceptar o acordo e, de feito, está a incumprir o que marca o convenio dos centros especiais de emprego. Con esta contratación provócase un recorte de dereitos laborais que non se pode permitir, especialmente, neste persoal con discapacidades.

O BNG está en contra destes despedimentos, reducións de xornadas laborais e distribución de horario que afecta á conciliación laboral e familiar e aos dereitos que recolle o Estatuto de traballadores/as. En concreto, ademais de non subrogar unha traballadora, dúas persoas viron o seu horario reducido de 33 a 12 horas e de 20 a 4 horas, algo en que o Goberno local do PSOE debería intervir para velar polo contrato e o compromiso adoptado polo Pleno da Corporación municipal.

 

O BNG reclámalle ao Goberno local que a empresa de atención ao público dos centros socioculturais subrogue á totalidade do persoal