DÍA DA PATRIA GALEGA

O BNG preguntará no Pleno polas sancións da Lei Mordaza ao labor das asociacións á saída da manifestación do Día da Patria

Manifestación
Manifestación

Goretti Sanmartín traslada a solidariedade aos colectivos que participaron, como cada ano, na divulgación do traballo de promoción da conciencia nacional e que están a recibir multas dous meses despois

O BNG preguntará no Pleno polas sancións da Lei Mordaza ao labor das asociacións á saída da manifestación do Día da Patria

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2022.-  O BNG quere solidarizarse con todas as persoas e colectivos que están a recibir sancións por participaren nos actos da manifestación do Día da Patria Galega.

O pasado 25 de xullo, durante os preparativos para a saída da manifestación convocada polo BNG da alameda compostelá que congrega milleiros de persoas chegadas de todo o país para reivindicar nun espazo de encontro cordial e festivo o Día da Patria Galega, a Policía local identificou persoas que participaban no labor de divulgación do traballo asociativo vinculado á promoción da conciencia nacional, algo que fai parte do ambiente previo á marcha e que se realiza todos os anos pola gran receptividade e implicación das persoas asistentes.

Dous meses despois están a chegar sancións individuais por 601 euros por infracción grave, logo da denuncia efectuada pola Policía local coa aplicación da Lei Mordaza, ante a Subdelegación do Goberno español na Galiza.

Dereitos fundamentais de manifestación e de asociación

Trátase dun feito insólito e un contrasentido que se procedese desta maneira durante os preparativos da saída da manifestación do Día da Patria, o que podería considerarse un atentado contra os dereitos fundamentais de manifestación e de asociación, pola presión exercida pola Policía local coas identificacións e posteriores sancións tramitadas coa Lei Mordaza. Ademais, tamén se procedeu a identificar, por parte de estamentos policiais, persoas con simboloxía nacionalista na Cidade histórica na xornada previa ao Día da Patria.

Así, Goretti Sanmartín anunciou que o BNG vai preguntar no Pleno se ten sentido a aplicación dunha denuncia tipificada como grave na Lei Mordaza pola divulgación do labor de asociacións vinculadas á promoción da conciencia nacional nos momentos previos á saída da manifestación do Día da Patria Galega.

O BNG preguntará no Pleno polas sancións da Lei Mordaza ao labor das asociacións á saída da manifestación do Día da Patria