SANIDADE

Goretti Sanmartín: “Hai unha gran participación na recollida de sinaturas pola mellora da sanidade pública en Compostela”

Recollida de sinaturas
Recollida de sinaturas

“A veciñanza de Santiago vese afectada directamente polas reducións de persoal, pola prioridade pola consulta telefónica por riba da presencial, polas dificultades para contactar cos centros de saúde e de conseguir cita”, explica Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín: “Hai unha gran participación na recollida de sinaturas pola mellora da sanidade pública en Compostela”

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022.-  O BNG, como organización integrante da Plataforma SOS Sanidade Pública, organiza unha serie de recollidas de sinaturas da ILP porque considera que a saúde é un dereito básico e fundamental que debe contar cos recursos humanos e económicos por parte da Xunta para que sexa eficaz e universal. Con esta ILP preténdese dar a coñecer e corrixir a situación provocada pola Xunta, “que leva anos recortando e desmantelando os recursos da sanidade pública galega, coa finalidade de reducir gasto e de favorecer a sanidade privada”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal en Santiago, aos medios de comunicación durante o acto de recollida de sinaturas na praza de abastos.

Paralelamente, os responsables do SERGAS son incapaces de planificar e de xestionar de xeito adecuado a atención primaria. Trátase dunha política do PP na Xunta para impulsar os recortes no sistema sanitario para deteriorar o público e incrementar o negocio privado, un feito que pon no límite a saúde das persoas.

A atención primaria ten 47 millóns menos de orzamento que en 2009 e Galiza é a cuarta comunidade con menor investimento en sanidade do Estado español. “Desde o BNG, comprometémonos a reclamar 200 millóns de euros máis nos Orzamentos da Xunta para 2023”, indicou. Estes recursos deben empregarse para contratar máis persoal e para dotar de maior estabilidade os/as profesionais da sanidade.

“A veciñanza de Santiago vese afectada directamente polas reducións de persoal, pola prioridade pola consulta telefónica por riba da presencial, polas dificultades para contactar cos centros de saúde e de conseguir cita”, incidiu. “Isto impide o acceso normal á asistencia sanitaria e provoca a creación de listaxes de agarda inaceptábeis e unha continua derivación a centros privados”, engadiu. De feito, cando unha persoa que derivan a centros privados escolle operarse nun público, a demora pode ser de máis dun ano.

Falta de pediatras e matronas en Conxo, nas Galeras e en Vite

“Temos como exemplo a falta de pediatra no centro de saúde das Galeras a tempo completo, que agora está en horario compartido con Val do Dubra, e durante o verán, tampouco se cubriron as vacacións do pediatra do centro de saúde de Conxo”, explicou. Ademais, a existencia dunha única matrona para atender os barrios de Conxo, Galeras e Vite provoca que se demoren as citas das mulleres embarazadas que se deben facer en semanas concretas do período de xestación.

Como consecuencia do exposto, o persoal sanitario está sometido a unha situación de presión, inestabilidade e precariedade, incompatíbeis cunha atención de calidade, xa que é fundamental incrementar o persoal médico, de enfermaría e administrativo dos centros de saúde. Ademais, urxe incrementar e organizar ben os cadros de persoal, incorporando novas categorías profesionais aos equipos como psicoloxía, fisioterapia, atención temperá e logopedia para desmedicalizar a atención e ofrecer unha asistencia integrada.

A ILP recolle, ademais, a necesidade de poñer en marcha o Consello de Saúde de Galiza e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria, para que a poboación teña capacidade real de planificar, decidir e avaliar a actividade dos centros.   

Así, Goretti Sanmartín explicou que “o BNG sae á rúa e aprecia unha gran receptividade da xente para asinar e poder ter unha sanidade á altura do que Galiza no seu conxunto e Santiago merecen”.

 

 

Goretti Sanmartín: “Hai unha gran participación na recollida de sinaturas pola mellora da sanidade pública en Compostela”