MOBILIDADE

O BNG reclámalle ao Goberno local do PSOE unha campaña para renovar as tarxetas de residentes “en vez do afán de multar e multar”

Multamóbil
Multamóbil
Emítense sancións de xeito reiterado, que chegan xuntas, por un problema de actualización de datos dos vehículos que poden estacionar en zona verde
O BNG reclámalle ao Goberno local do PSOE unha campaña para renovar as tarxetas de residentes “en vez do afán de multar e multar”

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2022.-  O BNG cuestiona o afán recadatorio do Goberno local mediante o uso do coche multamóbil, xa que non realizou unha campaña informativa para que as persoas que dispoñen de tarxeta de residente renoven e actualicen os datos.

“Diversas persoas trasladaron queixas ao BNG por recibiren multitude de multas, que chegan todas xuntas, pese a teren a tarxeta de residente”, sinalou Goretti Sanmartín. “Se ao Goberno local do PSOE lle interesase que funcionase ben, primeiro debería realizar unha campaña de información sobre a necesidade de renovar a tarxeta de residente e explicar o procedemento en vez de multar de xeito reiterado por un problema de actualización dos datos”, explicou.

A isto súmase a intención de multar os vehículos que están en dobre fila e nas beirarrúas, cando debe habilitar máis espazos de parada que faciliten que a xente poida realizar uns recados en 10-15 minutos sen entorpecer o tráfico. Deste xeito, gáñase fluidez na mobilidade e contribúese a crear unha maior conciencia cívica, en vez do afán por multar que ten este Goberno local, indicou a portavoz do BNG.

Ademais, incidiu nos numerosos atascos e aglomeracións que se forman nas inmediacións dos centros de ensino, para o que cómpre unha campaña específica dirixida a nais e pais co obxectivo de reducir a presenza de vehículos ás portas dos colexios en horario de entrada e saída, cando teñen a posibilidade de estacionar de xeito gratuíto en aparcadoiros públicos.

“Todo isto, por suposto, ten que ir acompañado dunha política de humanización, pacificación do tráfico, aposta polo transporte brando e ter claro que a cidade debe ser pensada con prioridade para as persoas que van a pé”, engadiu Goretti Sanmartín.

 

O BNG reclámalle ao Goberno local do PSOE unha campaña para renovar as tarxetas de residentes “en vez do afán de multar e multar”