SEGURANZA VIARIA

O BNG demanda o arranxo do aparcadoiro que dá servizo ao Centro Sociocultural de Conxo, escola infantil e hospital psiquiátrico

conxo01
Aparcadoiro en Conxo

As profundas fochancas, que supoñen un problema de seguranza viaria, están tanto no asfalto como nas lousas de pedra e na grava

O BNG demanda o arranxo do aparcadoiro que dá servizo ao Centro Sociocultural de Conxo, escola infantil e hospital psiquiátrico

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2018.- O grupo municipal do BNG demándalle ao Goberno local o arranxo do pavimento do aparcadoiro da contorna do Centro Sociocultural de Conxo, do hospital psiquiátrico e da escola infantil, unha zona moi transitada e que presenta numerosas fochancas.

Na campaña emprendida polo BNG para favorecer a seguranza viaria, ante as queixas recibidas da veciñanza, inclúese a petición para que o equipo de Martiño Noriega amañe este espazo destinado a aparcadoiro público de vehículos situado entre as rúas do Campo de Conxo.

Esta zona entraña perigo tanto para persoas que van a pé como en vehículo porque os furados, de gran profundidade nalgúns casos, están tanto no asfalto, como nas lousas de pedra e tamén na grava. Por estes motivos, require que o Goberno de Compostela Aberta visite este espazo e proceda a arranxalo para mellorar a mobilidade neste barrio de Conxo e evitar potenciais riscos de seguranza viaria.

Segundo explican persoas usuarias do Centro Sociocultural de Conxo, o problema agrávase cando chove pois a auga permanece empozada e resulta difícil transitar pola zona por mor das fochancas.

 

O BNG demanda o arranxo do aparcadoiro que dá servizo ao Centro Sociocultural de Conxo, escola infantil e hospital psiquiátrico