SEGURANZA VIARIA
O BNG proporá no Pleno arranxar as 325 deficiencias detectadas nos autobuses urbanos
Ademais de carencias de accesibilidade, teñen perdas de aceite do motor, falta de espellos, rodas gastadas e problemas de freos
Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018.- A concelleira Goretti Sanmartín Rei presentou unha iniciativa que o BNG defenderá no vindeiro Pleno para arranxar, de urxencia, as 325 deficiencias detectadas en 41 autobuses urbanos de Santiago de Compostela ao considerar prioritaria a seguranza das persoas condutoras e usuarias do transporte público.
Pese a que o novo servizo está en proceso de licitación, algunhas das deficiencias nos autobuses non poden agardar á renovación prevista da flota. “O último informe pericial sobre o estado dos autobuses urbanos de Santiago de Compostela, realizado co obxectivo de coñecer o estado en que se atopan os autobuses que prestan o servizo, detalla unha serie de problemas nos vehículos que poden afectarlle á seguridade das persoas usuarias, á mobilidade e accesibilidade e á seguranza viaria en xeral, ademais de entrañar riscos e dificultades para o persoal que os conduce”, explicou a concelleira.
Logo da análise, especificáronse a falta de dispoñibilidade de espellos que lle eviten á persoa condutora os ángulos mortos do exterior do vehículo, espellos interiores que permitan o control dos pasaxeiros, ramplas para persoas con discapacidade e diversos elementos de seguridade activa. En concreto, Goretti Sanmartín referiuse a que “10 autobuses urbanos carecen de rampla para persoas con discapacidade, 21 teñen rampla manual que non se pode utilizar sen a axuda dunha persoa acompañante da que ten discapacidade e tan só 10 automática, que tamén ten dificultade porque as beirarrúas non están adaptadas”.
Determinouse ademais a existencia de cinco autobuses avariados e que foron descartados para poñer en circulación polo alto custo das teóricas reparacións e a imposibilidade, nalgún caso, de adecualo ás normativas para poder pasar a ITV no relativo á emisión de gases.
Todos presentan entre 1 e 5 fallos de mecánica; todos, agás 4, presentan perdas de aceite do motor; todos, agás 3, presentan fallos no alumeado e sinalización; todos agás 7 presentan deficiencias no interior como asentos rotos, cables soltos, pulsadores danados, danos no volante, danos nas zonas de acceso e saída e a 11 deles fáltanlles os martelos de emerxencia. En canto ao acondicionamento exterior, presentan danos nos retrovisores, portas, limpaparabrisas, cristais e dous deles teñen a placa de matrícula danada e ilexíbel. Seis deles teñen as rodas gastadas, un ten problemas de freos, oito teñen problemas no sistema de dirección. Alerta ademais de que a maioría dos autobuses non contan con retrovisores que eviten os ángulos mortos ao condutor ou condutora.
A media de eivas detectadas no parque de autobuses de Santiago de Compostela é de 8 problemas por vehículo, o que pon en risco tanto a profesionalidade dos choferes como ás persoas usuarias.