PLENO
O BNG demanda o arranxo urxente da pista de Pousada, na parroquia de Cesar, que está a causar danos económicos á veciñanza
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2020.- O grupo municipal do BNG traslada ao Pleno unha iniciativa para que se proceda ao arranxo urxente mediante o asfaltado da pista de Pousada, en Cesar.
Na parroquia de Cesar, no lugar de Pousada, hai unha pista que dá acceso a unha explotación gandeira que se encontra en pésimas condicións de asfaltado. Tanto é así, que a empresa que recolle o leite desta explotación advertiu que os camións cisterna deixarán de realizar este traballo de non contar cunha superficie asfaltada en condicións de ser transitábel.
De feito, o Goberno local xa se comprometera hai case un ano co propietario da explotación láctea a solucionar este problema de seguranza viaria mediante o asfaltado desa pista, mais a situación empeora co transcurso do tempo, segundo as queixas recibidas no grupo municipal do BNG.
Deste xeito, o BNG reclamará no Pleno que se arranxe esta pista de uso frecuente para a veciñanza que vive nesta parroquia.