PLENO

O BNG demanda a mellora dos servizos básicos, dos accesos e da seguranza viaria no Viso

Visita ao Viso
Visita ao Viso

As canalizacións de auga da AP-9 provocan asolagamentos cando chove

O BNG demanda a mellora dos servizos básicos, dos accesos e da seguranza viaria no Viso

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2023.- O BNG traslada ao Pleno de marzo unha moción para a mellora dos servizos básicos, dos accesos e da seguranza viaria no lugar do Viso. Goretti Sanmartín, acompañada de Xesús Domínguez e de Lois Calvelo, mantiveron un encontro coa veciñanza do Viso para analizar os problemas da zona ante o abandono por falta de mantemento municipal.

O Viso está rodeada por estruturas urbanas como a AP-9, a Cidade da Cultura, o barrio das Fontiñas, o Multiusos de Sar ou o Estadio Vero Boquete. De feito, foi maltratado polas ampliacións da AP-9 privando a veciñanza de poder acceder ás súas propiedades situadas á outra marxe da autoestrada ou polas canalizacións da auga, o que provoca que cando chove a aldea queda practicamente inundada causando desperfectos graves.

O grupo municipal do BNG estivo reunido coa veciñanza do Viso e trasladaron outras cuestións que tamén son relevantes, como os problemas de tráfico cando hai competicións ou eventos no Multiusos de Sar. Vese invadido por unha morea de coches que dificultan o acceso á veciñanza e mesmo ás ambulancias cando teñen que acudir a algún domicilio; por iso é imprescindíbel mellorar a sinalización das rúas, pintado ou incluso buscar algún espazo alternativo para facer un aparcamento para uso veciñal e usuarios do Multiusos.

A veciñanza bota en falta o mantemento das árbores que están en mal estado e o incumprimento de accesibilidade do paso para as persoas pola pontella por un escalón ou pola probabilidade de escorregar pola pasarela e a varanda do outro lado, que é moi perigosa. Solicitan tamén un colector de papel na rúa Ameneiral do Viso e o mantemento das beirarrúas que se atopan nun estado lamentábel.

Ademais consideran urxente arranxar o problema da pista no Viso de Arriba, posto que hai unha alta probabilidade de derrubamento dun muro enriba dunha casa.

Hai espazos públicos con falta de mantemento e que precisan un investimento municipal, como o cambio das luminarias ou a limpeza das fontes, ademais de rematar o asfaltado da rúa do Viso até a rúa da Ponte Marzán.

 

 

O BNG demanda a mellora dos servizos básicos, dos accesos e da seguranza viaria no Viso