O BNG demanda un plan de emprego específico para as mulleres #8M
Reivindica a forza do feminismo no Día Internacional das Mulleres e recrimina o cinismo do PP que limita a datas simbólicas a súa preocupación pola igualdade real
Santiago de Compostela, 8 de marzo 2015.- Todos os días son 8 de marzo cando se trata de defender os dereitos das mulleres e de combater a discriminación que sofren nos diferentes ámbitos da vida, e así o reclamou hoxe o BNG que acudiu á manifestación nacional en Santiago de Compostela reivindicando a vixencia da forza do feminismo.
O Bloque demanda medidas concretas da Xunta como a creación dun plan de emprego específico e desenvolver as leis previstas para avanzar cara a igualdade real que están paralizadas, máis aló do cinismo simbólico das datas que practica o PP.
Estamos fartas da hipocrisía do PP que parece que as mulleres só cobramos un 17% menos cos homes o 8 de marzo, ou que só sofremos violencia de xénero o 25 de novembro ou que só sufrimos discriminación un par de veces ao ano, denunciaba a secretaria de Acción Feminista do BNG, Saleta Chao.
É preciso aplicar políticas que muden esta situación, que se deseñe un plan de emprego feminino, que se desenvolvan toas as leis que están paralizadas por parte do Goberno da Xunta pese a que teñen como obxectivo principal combater a discriminación que sofren as mulleres, poñer freo á emigración feminina e a precariedade que vivimos en todos os ámbitos da vida, subliñou Chao, tras demandar que o compromiso na igualdade real das mulleres debe ser os 365 días do ano.
A discriminación é especialmente evidente na situación laboral das mulleres galegas, empeorando coa emigracións das mulleres mozas e desde 2008, máis de 70.000 mozas abandonaron Galiza. O 75% dos traballos temporais son para as mulleres que deben traballar 80 días máis ao ano para cobrar o mesmo salario cos homes.
Pero a situación non é mellor para as mulleres de máis idade que, tras unha vida laboral de 30 ou 35 anos, aos 50 son despedidas ou deben pechar os seus negocios. Unha opción viable para este colectivo non é a emigración polo que deben enfrontarse a 10 o 15 anos sen ningún tipo de prestación.
Para estes casos, dende o BNG propoñemos crear unha axuda para desempregadas cunha contía igual ao Salario Mínimo Interprofesional e con carácter indefinido.
Igualmente, o Bloque propón un plan de emprego feminino, como contempla a Lei galega, destacando o acento nas mulleres maiores, e unha liña de axudas para empresas femininas.
Medidas propostas polo BNG
Axuda na redución de xornada e excedencias por maternidade e coidado de fillos e fillas, creación dun grupo de traballo sobre a fenda salarial para igualdade entre homes e mulleres, impulsar a rede pública de servizos sociais e públicos e medidas que favorezan a integración da muller no mercado laboral foron algunhas das reivindicación formuladas pola nacionalista ás que engadiu a petición ao Goberno do Estado para ampliar a 6 meses os permisos de paternidade e maternidade, unha bonificación total das traballadoras que substitúan a outras por abandono do emprego e compensación para aqueles profesionais que interrompan o seu traballo motivado por coidados.