O BNG reclámalle á Xunta que lidere a coordinación do sistema aeroportuario
Rosana Pérez advirte das consecuencias da privatización e demanda a transferencia da competencia a Galiza
Rubén Cela: Alcaldes tirando de chequeira por intereses localistas prexudican ao conxunto dos galegos e galegas
Santiago de Compostela, 6 de Marzo 2015.- O BNG reclama ao goberno da Xunta que deixe de tirar balóns fora e pase a liderar a xestión do sistema aeroportuario de Galiza porque a súa inacción política está a provocar que as tres terminais galegas perdan usuarios e usuarias ano tras ano, mentres o único que sae beneficiado é o aeroporto luso de Sá Carneiro.
A portavoz en materia de Infraestruturas e Transporte no Congreso, Rosana Pérez, e o portavoz municipal en Compostela, Rubén Cela, mantiveron un encontro con todas as delegación sindicais de AENA en Santiago de Compostela, -UGT, CCOO, CIG, USO, USCA e FSAI- onde explicaron as propostas do Bloque para o conxunto do sistema aeroportuario deste país.
Pérez avanzou que entre as prioridades do Bloque está evitar que avance o proceso privatizador de AENA e seguir reclamando a transferencia total das competencias a Galiza.
É unha cuestión clave porque os inversores privados non atenden a cohesión territorial, nin ao interese xeral, atenden a súa conta de resultados, advertiu Pérez, que tamén fixo referencia á repercusión sobre as condicións dos traballadores e traballadoras e ao servizo que reciben os usuarios e usuarias.
O Bloque critica o desleixo de Feijóo incapaz de marcar unha política aeroportuaria a nivel nacional, que se concreta na falta de complementariedade, de especialización e nunha competencia entre as tres terminais galegas.
Tiña razón Feijóo cando admitía que merecía un suspenso en xestión aeroportuaria, -igual que o actual alcalde Agustín Hernández máxime responsable durante anos desta materia-, por limitarse a deixar facer, deixar pasar para que o problema se enquiste, lamentou Cela, quen advirte que o gran beneficiario é Sá Carneiro que non para de bater récords, mentres os aeroportos galegos perden usuarios, o que se verá agravado cando empece a funcionar a conexión de alta velocidade con Madrid.
Neste sentido, o BNG demanda da Xunta que se poña a fronte desta situación e busque a especialización e complementaridade entre terminais, en lugar da competencia entre alcaldes que tiran de chequeira baixo intereses localistas que prexudican ao conxunto dos galegos e galegas, argumenta Cela.
Os responsables do BNG tamén tomaron nota das deficiencias expresadas polas centrais sindicais, en particular a falta de saída para a terminal vella de Lavacolla, os problemas de colapso con voos internacionais por falla de pasarelas de acceso (fingers) dispoñibles, falta de persoal para atender o servizo sanitario do aeroporto de Santiago de noite e mesmo as goteiras que sofre a terminal compostelá pese ao investimento superior ao 200 millóns de euros, que xa ten sido obxecto de iniciativas no Congreso.