O BNG insta a Fomento a soterrar a liña de alta tensión en Coira
A deputada Rosana Pérez critica o modo de proceder do ADIF que executa a obra sen contar con todas as autorizacións legais exixíbeis
Madrid, 7 Marzo 2015. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei e unha pregunta parlamentar para demandarlle ao Ministerio de Fomento que paralice a obra de canalización soterránea dunha liña de alta tensión de 220.000 kw de potencia en Coira (no límite dos concellos de Ames e Santiago).
Unha liña de alta tensión que ten por obxecto conectar a subestación eléctrica situada ao sur de Santiago coa liña ferroviaria do Eixo Atlántico de alta velocidade.
A deputada do BNG insta ao Ministerio a atender as demandas dos veciños da aldea de Coira que piden que se soterre esta liña para separala de todas as vivendas do núcleo de poboación. E demanda asemade que se investigue, en colaboración coa Fiscalía, as responsabilidades e as persoas responsábeis de ter executado os traballos antes de que se emitisen as autorizacións pertinentes.
Explica a parlamentar do BNG que o ADIF iniciou a mediados de xaneiro as obras de canalización soterránea dunha liña de alta tensión de 220.000 voltios de potencia na aldea de Coira. A condución soterránea da liña de alta tensión acada os dous quilómetros de lonxitude e pasa a escasos metros de varias vivendas. A súa execución está case rematada, a pesar de que o 23 de xaneiro a Consellaría de Economía e Industria publicase unha resolución pola que se somete a información pública a petición de autorización administrativa eléctrica no concello de Ames.
ADIF enganou aos veciños
Posteriormente, sinala Rosana Pérez, e con data de 4 de febreiro, publicábase outra resolución pola que se somete a información pública a solicitude do ADIF. Co cal, conclúe, é evidente que a execución da maior parte desa obra se emprendeu sen contar coa autorización administrativa do órgao competente, ao coincidir co período de exposición pública do proxecto.
Rosana Pérez traslada ao Goberno que a asociación de veciños de Coira decidiu presentar unha denuncia perante a Fiscalía por estes feitos ao poder ser constitutivos de delitos de prevaricación, danos e contra o medio ambiente.
A deputada do BNG explica que desde o iniciou foi unha obra polémica porque a liña atravesa o núcleo de poboación, que motivou a oposición dos habitantes da zona. A alternativa do ADIF foi que a liña vaia paralelamente á autovía AG-56 pero que aínda así supón unha afección seria a unha serie de vivendas polos escasos metros de separación. Rosana Pérez censura o modo e proceder do ADIF que continúa cunha actuación sen obter os permisos necesarios, e sobre todo cando afecta ao medio ambiente e á saúde e bens de veciños. Ademáis de que o ADIF incurreu en falsedades ao comunicar aos veciños o 5 de febreiro que tiña todas as autorizacións legais exixíbeis.