Rubén Cela esíxelle ao alcalde unha programación seria para solucionar o problema das fochancas
O BNG advirte que a mala calidade das obras realizadas de xeito puntual e a falta de comunicación previa enfada a veciñanza e o comercio da cidade
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2015.- O portavoz grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, esixiulle ao Goberno local unha programación periódica e integral para o mantemento e conservación de vías e de beirarrúas da cidade.
Rubén Cela reclamou unha actuación coordinada á hora de darlle prioridade a estas actuacións, de xeito que se informe tanto á veciñanza como ao comercio da zona, para que teñan as previsións do tráfico cortado para evitar molestias cando se vaian acometer obras.
Nunca Santiago de Compostela estivo tan mal, afirmou Rubén Cela, o deterioro do noso viario non é froito dun día; é o resultado de catro anos de falta absoluta de mantemento.
Son moitas as queixas recibidas polo BNG e moitas as iniciativas que temos trasladado nese sentido sobre o deficiente estado de conservación das vías e beirarrúas da cidade, indicou, posto que as obras de rebacheo realizadas non contribuíron a solucionar as fochancas que, máis alá de arranxos puntuais, precisan dun plan de conservación e de mantemento constante do que careceu Santiago de Compostela nos últimos catro anos.
Lugares concretos como Salgueiriños, avenida Xoán XXIII, Restollal, rúa da Estrada, avenida do Burgo, Virxe da Cerca, Ponte de Sar, Cruceiro da Coruña e avenida de Lugo presentan un alto grao de perigo para os vehículos e para a seguridade cidadá, que requiren unha actuación de urxencia. Ademais, outras rúas como Castrón Douro e Doutor Teixeiro quedaron en peores condicións logo de tapar as fochancas e mesmo poden constituír un perigo de seguridade viaria.