NORMALIZACIÓN
O BNG demanda que o servizo de atención telefónica de cita previa para trámites municipais teña o galego como lingua preferente
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2020.- O grupo municipal do BNG recibiu queixas do funcionamento do servizo de atención telefónica de solicitude de cita previa para a realización de trámites municipais no relativo a que o idioma inicial non é o galego e na versión para ordenador ten erros lingüísticos.
Deste xeito, o BNG proponlle ao Goberno local que cambie a lingua de inicio deste servizo telefónico automatizado para o galego, que debe ser a lingua que debe impulsar a administración, e que a gravación permita a escolla doutros idiomas. Reclama ademais que corrixa os erros lingüísticos que presenta a web, como lle corresponde a unha páxina oficial da administración local.
Este sistema que veñen de poñer en funcionamento permite xestionar as citas nas oficinas dos rexistros municipais e dos servizos de Atención á Cidadanía, Atención á Contribuínte, Padrón de Habitantes e Tráfico. Así, o BNG reclámalle ao Goberno local que se preocupe por ofrecer estes servizos en galego como primeiro idioma de contacto para potenciar a súa utilización no plano informativo, ademais de servir para promover o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa veciñanza.
Lembra tamén o BNG que, segundo se especifica no Regulamento de uso do galego do Concello de Santiago de Compostela, o Concello debe empregar normalmente o galego nas súas actuacións administrativas internas e nas relacións coa cidadanía e coas entidades públicas situadas en Galiza, ademais de que os documentos contractuais deben ser redactados en galego. Tamén os estudos, proxectos e informes encargados polo Concello teñen que ser redactados en galego, aínda que a súa finalidade esixa tamén a redacción noutra lingua.