ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “O resultado nas eleccións dá azos para traballar moito máis por Santiago e temos o reto de conseguir que as persoas que miran o BNG como referente galego o fagan tamén a nivel local”
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2020.- Goretti Sanmartín destacou o agradecemento ás 14.158 persoas que en Santiago de Compostela decidiron confiar no BNG, que representan case o 30% de votantes. “É a porcentaxe máis alta de apoio nas cidades ao BNG e está case 5 puntos por riba da media nacional, o que nos enche de orgullo e de responsabilidade para afrontar o reto de ilusionar esa xente que apostou polo BNG, non só na política galega tamén coa implicación local”, afirmou.
“Por iso comezamos un período de contacto, coñecemento e implicación de portas abertas na oficina municipal do BNG para aquelas persoas que queiran colaborar, implicarse na política municipal e facer propostas, porque entendemos que a política non é só votar cada 4 anos e o conxunto da poboación pode participar de maneira directa ao facer chegar propostas para conseguir unha mudanza, igual que a nivel galego tamén no ámbito local”, explicou.
O BNG é a única forza que gaña votos nestas eleccións, máis de 9.000 en Santiago de Compostela e case triplica o número de votos nas eleccións galegas de 2016. Cualificou de resultados “espectaculares e extraordinarios” os de moitas mesas electorais de barrios como a Almáciga, San Pedro, os Concheiros, as Fontiñas e as Cancelas, onde o BNG foi primeira forza política. Noutras quedou de segunda forza “con moita clareza e resultados moi destacados no Castiñeiriño, nos Pelamios ou Santa Marta” e cun apoio xeralizado en todo o concello, “que nos dá azos para traballar moito máis por Santiago e unha responsabilidade desa necesidade das persoas que miran o BNG como referente para que o fagan tamén a nivel local; ese é o noso reto e vai ser o noso traballo a partir deste momento”.
Destacou que os próximos anos estarán marcados por unha situación económica complicada, mais que o BNG estará á altura das circunstancias “facendo propostas e alternativas e o que nos corresponde a nivel local é que o grupo de Goberno que está en minoría atenda moito máis as propostas que o BNG pon enriba da mesa”.
“Insistiremos e teimaremos en que o grupo de Goberno non siga a actuar como se tivese maioría e que atenda moito máis as propostas do BNG contrastadas coa veciñanza e con eses sectores sociais que agora queremos ampliar e reforzar”, sinalou.
A preguntas de xornalistas, Goretti Sanmartín destacou que o BNG seguirá a reclamar da Xunta, desde o Concello de Santiago e desde o Parlamento, o incremento económico do Estatuto de Capitalidade, o centro de día para as Fontiñas, a ampliación do Conservatorio de Música, a construción do Conservatorio de Danza, a Escola Oficial de Idiomas, políticas ambientais como a creación dunha planta de compostaxe comarcal, o saneamento do rural e a nova estación depuradora, entre outros.