PLENO

Navia Rivas reclama que o Concello adopte máis medidas para a prevención de incendios “que ocasionan perda de produtividade, contaminación e riscos ambientais e sociais para a veciñanza”

Navia Rivas
Navia Rivas
Proporá no Pleno elaborar unha campaña de concienciación sobre os danos que causan e o xeito de previr os lumes forestais
Navia Rivas reclama que o Concello adopte máis medidas para a prevención de incendios “que ocasionan perda de produtividade, contaminación e riscos ambientais e sociais para a veciñanza”

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2020.- A concelleira Navia Rivas presentou unha iniciativa que o BNG trasladará ao Pleno para que se adopten todas as medidas necesarias por parte do Concello de Santiago, tanto no ámbito normativo como no práctico, para a prevención e redución dos incendios forestais “que ocasionan unha perda de produtividade, contaminación e riscos ambientais e sociais para a veciñanza”. Ademais, proporá elaborar unha campaña de concienciación sobre os danos que causan e o xeito de previr os lumes forestais.

Santiago foi referente en políticas ambientais e un dos principais problemas que sofre na actualidade, ademais da falta de depuración de residuos e emisión de gases industriais, é a continua aparición de incendios forestais durante o período estival, explicou Navia Rivas.

Nos últimos días rexistrouse un incendio en Vidán, perto do Hospital Clínico e de vivendas. Produciuse o venres 10 de xullo e foi nunha zona próxima a onde xa se queimara 11 días antes. Na súa extinción participaron 4 helicópteros, 2 hidroavións, 7 motobombas, 15 brigadas e 7 axentes forestais. Segundo os datos da Xunta, afectou a 3 hectáreas de monte raso e arborado.

O BNG recibiu queixas de superficies municipais sen rozar, polo que reclama que se adopten as medidas necesarias. Ademais de facer un chamado á responsabilidade da veciñanza que ten propiedades para a prevención de incendios.

Por poñer un exemplo, afirmou, en Santiago hai puntos como o das inmediacións da gasolineira de Roxos que, aínda sendo privados, supoñen un perigo de alto risco de incendio polo que o Concello debería intervir ante as queixas da veciñanza da contorna. “Nesa zona ardeu en 2005 afectando a casas que tiveron que ser evacuadas pola proximidade á gasolinera e a maleza volve presentar alto risco de lume, o que ocasiona preocupación na veciñanza segundo nos trasladaron ao BNG”, destacou.

Moratoria na plantación de eucaliptos

Cómpre lembrar que en decembro de 2017 se aprobou no Pleno unha iniciativa do BNG para impulsar unha moratoria na plantación de eucaliptos para frear a súa expansión, así como a necesidade de eliminalos nos núcleos de poboación, rede viaria e canles fluviais, ademais de propor un plan de axudas para plantar frondosas caducifolias e froiteiras.

Ademais, en abril de 2019, Santiago de Compostela non tiña aínda redactado o Plan municipal de prevención de incendios e recibiu unha comunicación da Fiscalía para reclamarlle ese documento. “Por estes motivos, preguntaremos se o Goberno local xa ten redactado este Plan municipal de prevención de incendios coa necesidade de que o faga público, ademais dunha campaña de sensibilización para que a xente tome conciencia, actúe e se implique nas medidas necesarias para a prevención”, sinalou.

 

Navia Rivas reclama que o Concello adopte máis medidas para a prevención de incendios “que ocasionan perda de produtividade, contaminación e riscos ambientais e sociais para a veciñanza”