ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “O incremento de apoios ao BNG en Santiago significa unha gran dose de confianza por parte do electorado ao que queremos expresar o noso profundo agradecemento”
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2020.- A portavoz municipal do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, realizou unha primeira valoración dos resultados das eleccións galegas do 12X e sinalou que “o incremento de apoios ao BNG en Santiago significa unha gran dose de confianza por parte do electorado ao que queremos expresar o noso profundo agradecemento”. O BNG obtivo 14.158 votos (26,61%), segundo os datos provisionais, e sitúase como segunda forza política con mellores resultados en Santiago.
O BNG de Santiago ten unha gran satisfacción polo resultado das eleccións galegas neste 2020, explicou a portavoz municipal. “Á verdade é que situarnos dos últimos datos de 5.048 votos en 2016 a 14.158 e pasar dunha porcentaxe dun 9,7% a un 28,6% significa unha gran dose de confianza por parte do electorado santiagués ao que queremos expresar o noso profundo agradecemento”, destacou.
O BNG non vai defraudar as expectativas “de tantísima xente que decidiu coller a papeleta do BNG nestas eleccións e traballaremos arreo para construír esa alternativa que Galiza merece nestes momentos”. “A nosa satisfacción é enorme e queremos trasladarlle unha aperta a todas as persoas militantes e simpatizantes do BNG que traballaron e nos arrouparon nestes días de intensa campaña e na propia xornada electoral”, engadiu.
O BNG analizará de xeito pormenorizado os resultados mesa por mesa “que, no seu conxunto, son extraordinarios”. A nivel galego o resultado do BNG é moi importante ao triplicar a representación que tiña e no caso de Santiago de Compostela os resultados son aínda mellores, explicou.
“É certo que non conseguimos un dos obxectivos que tiñamos como BNG que era poder dar paso a unha alternativa ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo mais, independentemente diso, cremos que hai unha base moi sólida para traballar e consolidar esa alternativa ao Goberno do PP na Xunta e ao que fixo nestes últimos anos”, sinalou.
Con esta primeira valoración, quixo agradecer a todas as persoas que confiaron no BNG para continuar a traballar para ter un proxecto sólido para este país.