ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “Exercer o dereito a voto é fundamental en democracia para conseguir un futuro que sexa bo para Galiza e para a capital do país”
Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2020.- A portavoz municipal do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, sinalou nesta xornada das eleccións galegas que “exercer o dereito a voto é algo fundamental en democracia para marcar o futuro que queremos para os próximos anos: un futuro que sexa bo para Galiza e para a capital do país”. Goretti Sanmartín votou ás 10:00 na Facultade de Filosofía da USC, acompañada de Rubén Cela e de Néstor Rego.
“Desde o BNG queremos facer un chamamento para que todo o mundo acuda ás urnas nunha xornada que, sen dúbida, vai ser histórica para Galiza e tamén para Santiago de Compostela”, afirmou. “Precisamos ter confianza nas nosas forzas, nas nosas capacidades e potencialidades e queremos facer ese chamamento a que ninguén fique na casa, porque é un día moi importante, e que todo o mundo vaia votar cumprindo os protocolos e a seguranza”, engadiu.
“Exercer o dereito o voto é algo fundamental en democracia para marcar cal é o futuro que queremos para os próximos anos: un futuro que sexa bo para Galiza e para a capital do país pensando, xustamente, en tempos difíciles que se están a vivir e na necesidade que temos de facer historia e conseguir esa transformación necesaria para Galiza, destacou a portavoz municipal do BNG en Raxoi.