ORA

O BNG demanda unha xunta de portavoces para coñecer a demora de Compostela Aberta en municipalizar a ORA

O acordo tomouse hai dous meses no Pleno muncipal, co apoio do BNG, e a veciñanza merece claridade e transparencia sobre este procedemento

O BNG demanda unha xunta de portavoces para coñecer a demora de Compostela Aberta en municipalizar a ORA

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2018.- O grupo municipal do BNG de Santiago rexistrou a petición dunha xunta de portavoces, urxente e extraordinaria, para preguntar pola demora no procedemento da municipalización da ORA e do guindastre, toda vez que transcorreron dous meses dende a súa aprobación en Pleno e non se produciron avances na súa materialización.

“O pasado 15 de marzo, hai máis de dous meses, o Pleno aprobaba a asunción directa da ORA e do guindastre municipal”, lembrou Rubén Cela, “e foi grazas ao apoio do BNG”. Naquela altura anunciouse por parte do grupo de Goberno que ese proceso se ía xestionar e culminar no prazo dun mes dende a súa aprobación. “Evidentemente ese prazo incumpriuse e o alcalde transmitiu publicamente que o novo prazo era o 15 de maio, que tamén pasou”, dixo.

“Pese a que este proceso non está realizado, no grupo municipal do BNG non tivemos coñecemento de cal é o problema para que non se realizase a tramitación e, por ese motivo, vimos de realizar a petición dunha xunta de portavoces extraordinaria e urxente para que o grupo de Goberno nos traslade información sobre os problemas que existen e coñecer as razóns do incumprimento do prazo que se autoimpuxo o Goberno municipal”, sinalou, “porque máis de dous meses é un prazo prudencial para ter isto resolto e, unha vez que de toma esta decisión non é bo dilatar unha situación alegal, xa que segue a prestar este servizo unha empresa cun contrato anulado xudicialmente dende setembro de 2015”.

O BNG tamén quere saber o resultado da liquidación de Settex Aparki, “xa que foi moi crítico co contido pois non estamos de acordo con que os parquímetros sexan do Concello –como o secretario se ten manifestado- nin con non esixirlle á empresa o pagamento do canon variábel que non abonou durante os últimos anos ou con outras decisións políticas adoptadas polo grupo de Goberno como manter o emprazamento da parcela para a retirada de vehículos que usaba Settex Aparki que incumpre os criterios que se marcaban nos pregos de contratación e polo que se procedeu á súa anulación xudicial”.

Ademais, nesa Xunta de Portavoces, Rubén Cela preguntará pola previsión do Goberno municipal para o traspaso da empresa a TUSSA. A veciñanza de Santiago merece transparencia e claridade, afirmou.

 

O BNG demanda unha xunta de portavoces para coñecer a demora de Compostela Aberta en municipalizar a ORA