O BNG demandará no Pleno que se publique, de urxencia, o concurso de comedores escolares para mellorar a calidade do servizo
Traslada a petición das ANPA para dispor de cociña de proximidade e produtos locais de tempada nos menús
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2019.- O BNG defenderá unha moción no Pleno para que o Concello de Santiago licite, de urxencia, o concurso dos comedores escolares de acordo coas demandas da comunidade educativa e tendo en conta as peticións da FANPA para mellorar a calidade deste servizo con cociña de proximidade e con produtos locais de tempada a partir do vindeiro curso 2019-2020.
Segundo explicou Goretti Sanmartín, para a comunidade educativa é unha prioridade sacar a concurso o servizo dos comedores escolares co obxectivo de mellorar o seu funcionamento a partir do vindeiro curso escolar. Para iso, faise necesario licitar o concurso por lotes, para lles permitir a concorrencia ás pequenas e medianas empresas da comarca de Compostela co que se favorece a economía local e a especialización dos servizos de preparación alimentaria, por unha parte, e de atención de monitores e monitoras, por outra.
Para o BNG, logo da experiencia dos últimos anos e tras o contraste coas ANPAs, é necesario contar con cociña de proximidade con distancia inferior a 50 km, con produtos locais de tempada, con preparación dos pratos no propio día, ademais de eliminar o mínimo de persoas usuarias, posto que se trata dun servizo esencial para favorecer a conciliación.
Demandan tamén que os prezos partan dunha contía mínima, para que non vaia en detrimento da calidade da alimentación que se ofrece neste servizo, e un programa piloto con cociña propia nun centro educativo, recolle o texto da iniciativa.