O BNG di que moitas propostas de Stop-Desafiuzamentos só requiren vontade política para aplicalas
A formación nacionalista levou no seu programa declarar Santiago de Compostela cidade libre de desafiuzamentos
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2015.- O Bloque Nacionalista Galego participou nunha xuntanza da plataforma Stop-Desafiuzamentos onde trasladaron propostas aos grupos políticos, moitas delas incluídas xa no programa da formación nacionalista e que só requiren vontade política para poñelas en práctica.
Por parte do BNG asistiron a esta reunión Goretti Sanmartín e Concha de la Fuente, quen destacaron a ampla coincidencia do BNG con estas medidas que propón Stop-Desafiuzamentos porque moitas delas se poden adoptar de inmediato e sen custo económico, xa que tan só requiren vontade política para as levar adiante. Para iso, cómpre poñer a funcionar determinados mecanismos relativos á protección social para, dun xeito estrutural e transversal, paliar as situacións que conducen ao desafiuzamento, así como aplicar medidas para frear o empobrecemento da poboación.
Cómpre lembrar que o BNG levou no seu programa electoral declarar Santiago de Compostela como cidade libre de desafiuzamentos, xunto con outras propostas acordes ás iniciativas trasladadas ao Pleno nos últimos anos e ao traballo para intentar frear os despexos acontecidos na cidade.
Entre as medidas que defende o BNG e que comparte con esta plataforma están negociar coas entidades financeiras a cesión de vivendas para facer fronte a situacións de emerxencia social, conseguir a non colaboración da policía municipal no lanzamento de persoas en desafiuzamentos de primeira vivenda, facilitar vivenda protexida en réxime de alugueiro ás persoas con menos recursos e incentivar a entrada no mercado inmobiliario do maior número posíbel de vivendas que se atopan desocupadas nestes momento en Santiago de Compostela, entre outras.