Unha ateigada asemblea do BNG acorda apoiar a investidura de CA á Alcaldía de Santiago de Compostela
O BNG está disposto a analizar outros posíbeis acordos en función da oferta que reciba por parte de CA
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2015.- Simpatizantes e militantes do BNG ateigaron onte a sala onde se desenvolveu unha asemblea de tres horas de duración e que contou con numerosas intervencións. A asemblea aberta do Bloque Nacionalista Galego convocada para valorar os resultados electorais e as propostas de traballo de cara ao vindeiro mandato analizou tamén o contido da reunión mantida pola comisión negociadora con Compostela Aberta e acordou apoiar a investidura de CA na Alcaldía de Santiago de Compostela despois do goberno convulso do PP.
Na asemblea comentouse que con esta negociación se abriron canles de diálogo para explorar as posibilidades referidas ao apoio á investidura, de entrada no goberno ou de chegar a acordos programáticos ou orzamentarios. En concreto, CA requiriu o apoio á investidura, que a asemblea do BNG referendou de xeito maioritario co fin de facilitar a gobernabilidade que precisa o Concello de Santiago de Compostela despois do goberno convulso do PP que provocou graves retrocesos nos últimos anos.
Deste xeito, a comisión negociadora trasladaralle a CA esta decisión asemblearia do BNG de apoiar a lista máis votada na sesión de investidura e fica aberta a analizar outras posibilidades de apoio en función da oferta que reciba desa formación política. En todo caso, o BNG-Asembleas Abertas trasladará ao Concello, de diferentes maneiras, o seu propio programa, continuará a recoller as mensaxes e ofrecer solucións para as persoas e colectivos máis desfavorecidos, para o rural, os barrios e as persoas que habitan nesta cidade e intensificará o contacto coa veciñanza.