O BNG require a paralización da instalación dunha nova antena de telefonía no Castiñeiriño
Rubén Cela trasládalle a súa solidariedade ao barrio do Castiñeiriño e anuncia que participará nas mobilizacións.
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2015.- O BNG de Santiago traslada a súa solidariedade á veciñanza do Castiñeiriño ante a preocupación sobre a permanencia de diversas antenas de telecomunicacións instaladas nese barrio e en diversos lugares da cidade que non se adecúan á normativa actual e que algunhas mesmo contan con ordes de derrubo. Deste xeito, o BNG require a paralización da instalación desta antena de telefonía no Castiñeiriño e apoiará as mobilizacións da veciñanza preocupada polas consecuencias para a saúde deste tipo de instalacións.
O BNG xa demandara en setembro de 2014 información ao Goberno municipal do PP para coñecer a previsión de derrubo das antenas de telecomunicacións que permanecen de xeito irregular e que causan preocupación á veciñanza. Na resposta recibida, o Goberno de Agustín Hernández aseguraba que xa se lle impuxeran multas ás empresas propietarias das antenas por non proceder á súa retirada e anunciou que, de persistir na súa actitude, procedería á retirada das antenas e pasaríalle os custes ás empresas responsábeis. En outubro de 2014, o Goberno local indicou tamén que estaba en proceso de elaboración un proxecto para a execución desta medida.
O BNG rexeita a instalación dunha nova antena de telefonía neste emprazamento, tendo en conta que existen catro centros educativos na contorna como son CEIP Lamas de Abade, FP Lamas de Abade, Xardín de Infancia Raiola e CIFP Compostela.