CRISE DE GOBERNO DO PSOE

O BNG esixe explicacións sobre o “silencio cómplice” do alcalde cando sabía que Desproi tiña débedas e non podía contratar co Concello

Goretti Sanmartín Rei
Goretti Sanmartín Rei
“O lóxico é que sexa o propio Concello quen traslade este expediente á Fiscalía, porque é moi evidente que ademais dunha actuación eticamente reprobábel, pode haber un delito”, afirma Goretti Sanmartín
O BNG esixe explicacións sobre o “silencio cómplice” do alcalde cando sabía que Desproi tiña débedas e non podía contratar co Concello

Foi o propio alcalde quen asinou o contrato con José Luís Fernández Celis para o aluguer da nave, “co que era coñecedor do procedemento e, por tanto, responsábel”, explica

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2023.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, referiuse ao “silencio cómplice” do alcalde no caso Pichel. En concreto, advertiu que “cando declara que hai aproximadamente unha semana que sabe o tema da débeda de Desproi de 172.000 euros, certifica que coñecía esa cuestión antes do pleno do pasado día 26 de xaneiro”.

O alcalde “mente cando di que ninguén preguntou por esa cuestión”, cando o BNG sinalou no Pleno que faltaba o informe de prevención de riscos e preguntou se comprobaran no expediente que a empresa estaba ao corrente de todas as súas obrigas. Entre elas está, para ter un contrato, non ter débedas coa propia Administración.

Daquela o alcalde calou, a pesar de que en varios puntos do Pleno solicitou falar na quenda dalgún concelleiro do seu grupo e quixo ter a última palabra ao final de varios dos debates. “O alcalde calou á mantenta, porque xa tiña información de que a empresa Desproi tiña débedas co Concello e, por tanto, ese contrato non podía producirse”, afirmou.

“Día a día a credibilidade do alcalde vai caendo, así como a súa implicación total na ocultación da información, porque ao BNG tampouco nos remitiron o expediente de compensación que asinou a concelleira de Facenda o 2 de xuño de 2022”, engadiu.

Hai moitas empresas, comercios e persoas a título particular que non puideron contratar co Concello ou recibir subvencións e beneficiarse de accións por ter débedas co Concello, pequenas débedas en moitos casos, mais son as normas, e están para cumprirse en todos os casos e non tratar de maneira discriminatoria unhas empresas e outras. Así, quedaron fóra de recibir axudas comercios e bolsas de ensino, entre outras, por teren algún recibo pendente co Concello.

Deste xeito, desde considera “gravísima” a omisión de información diante dunha interpelación plenaria do BNG “a que o alcalde non se dignou nin contestar e sobre cuxos contidos ocultou cuestións relevantes que coñecía a aquela altura”.

O BNG esixe que o alcalde explique como no proceso de contratación puideron saltar os filtros que se lle esixen a calquera empresa que, se ten débedas, non podería contratar e quen é a persoa responsábel.

Ademais, reiterou que o alcalde que, se non ten nada que ocultar, “o lóxico é que sexa o propio Concello quen traslade este expediente á Fiscalía, porque é moi evidente que ademais dunha actuación eticamente reprobábel, pode haber un delito”.

Lembrou que foi o propio alcalde quen asinou o contrato con José Luís Fernández Celis para o aluguer da nave, “co que era coñecedor do procedemento e, por tanto, responsábel, aínda que agora teña lagoas de memoria”.

O BNG esixe explicacións sobre o “silencio cómplice” do alcalde cando sabía que Desproi tiña débedas e non podía contratar co Concello