PLENO

Goretti Sanmartín propón destinar os edificios de Ciencias da Educación e Enfermaría a acoller a nova Escola Oficial de Idiomas

Facultade de Ciencias da Educación
Facultade de Ciencias da Educación

Require un cambio no planeamento urbanístico para consolidar o uso educativo, a protección dos inmóbeis e a compra e rehabilitación por parte da Xunta

Goretti Sanmartín propón destinar os edificios de Ciencias da Educación e Enfermaría a acoller a nova Escola Oficial de Idiomas

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2023.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, anunciou en rolda de prensa que o BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para a modificación do planeamento urbanístico para permitir e consolidar o uso educativo nas parcelas en que están Ciencias da Educación e Enfermaría, a catalogación e protección destes inmóbeis e a negociación coa Xunta de Galiza para a compra e rehabilitación dos edificios para acoller a sede da Escola Oficial de Idiomas cando esas facultades se trasladen ao campus sur.

“Desde hai anos vénse falando de que a USC decidiu vender os edificios –e as conseguintes parcelas- da antiga Escola de Maxisterio e de Enfermaría de Xoán XXIII, edificios situados a carón do Colexio López Ferreiro”, explicou Goretti Sanmartín.

Estas parcelas teñen na actualidade uso hoteleiro, “un uso que, desde a nosa perspectiva, debe modificarse o máis axiña posíbel para garantir que existan, nas proximidades da cidade histórica, usos vinculados a servizos que se presten para persoas residentes, para o conxunto da poboación da comarca de Compostela e para que se manteña o uso educativo”.

“Cómpre facer unha reflexión sobre os usos que queremos ter e xulgamos errada a liña de expulsar do centro todo aquilo que lle dá vida no día a día”, afirmou. “Son estas decisións transcendentes, que poden provocar mudanzas relevantes na recuperación da vitalidade da cidade histórica, porque queremos unha cidade para vivir, para as persoas que residen aquí, e non un escaparate para ver, un decorado de película”, indicou. Trátase dunha superficie de 8.948 metros cadrados, máis dos 6.200 m2 da parcela que o Concello puxera a disposición da Xunta no barrio de Santa Marta, para construír a nova Escola Oficial de Idiomas, mais que xa non está dispoñíbel.

Para alén da necesaria modificación para que teñan uso educativo esas parcelas, o BNG estima que cómpre catalogar e protexer eses inmóbeis, de maneira particular as súas fachadas.

“Por iso propomos que o Concello promova que eses edificios e parcela sexan adquiridos e rehabilitados pola Xunta de Galiza, coa colaboración doutras administracións se for preciso, para situar aí o prometido edificio da Escola Oficial de Idiomas”, explicou. “Situala alí ten moitos beneficios para un urbanismo sustentábel, que beneficie as persoas e mellore a calidade de vida”, engadiu.

Lembrou que cando a Escola de Idiomas cumpriu 20 anos houbo un compromiso público da Xunta e do Concello para solucionar as demandas históricas que o BNG leva anos a reivindicar no Concello e no Parlamento galego.

As condicións actuais deste centro incumpren o Decreto 81/2018 de 19 de xullo de 2018 das ensinanzas de idiomas de réxime especial en Galiza, que determina as características das instalacións e recursos docentes. Así, evidénciase a falta de sala multimedia de 120 metros cadrados con 30 postos informáticos fixos conectados en rede; sala de usos múltiples de, como mínimo, 100 postos, con acústica, acondicionamento técnico e escenario apropiados para diversas actividades; illamento acústico das aulas e o feito de non estar nun único edificio habilitado.

Santiago de Compostela é unha cidade universitaria, con alta afluencia de turismo estranxeiro e cabeceira de comarca. Mais por esta carencia de espazo na Escola Oficial de Idiomas, só se poden impartir sete linguas, cando hai demanda doutros chinés, de xaponés, de ruso, de árabe que non se poden ofrecer.

O 19 de outubro de 2017 aprobouse no Pleno unha declaración institucional para reclamarlle á Xunta a construción do novo edificio da Escola Oficial de Idiomas. Deste xeito, a Escola Oficial de Idiomas pode ser un importante elemento de dinamización, crear sinerxías coa biblioteca Ánxel Casal e co Colexio López Ferreiro, e será unha maneira de dinamizar a zona histórica e de ocupar o centro da cidade con residentes. Os datos de alumnado son relevantes, 3005 alumnos/as oficiais, sen contar  co alumnado libre, distribuído este curso en 2427 en Vite e 578 en Sar.

 

 

Goretti Sanmartín propón destinar os edificios de Ciencias da Educación e Enfermaría a acoller a nova Escola Oficial de Idiomas