PLENO
Goretti Sanmartín traslada ao Pleno a necesidade de reordenar o tráfico e o aparcamento no cruce de Correos, en Sabugueira
Reclama que os colectores novos de residuos se sitúen no núcleo de poboación, porque os instalaron despois da rotonda sen paso de peóns e sobre unha cuneta
O BNG comprométese no próximo mandato a xestionar a busca de fondos públicos para a conexión ao saneamento no rural compostelán
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro con veciñanza de Sabugueira afectada por problemas de tráfico, falta de mantemento de árbores e dos espazos públicos por parte do Goberno local do PSOE. Urxe a cambiar os colectores de lixo, porque os instalaron sobre unha cuneta en desnivel, o que supón un perigo de seguranza viaria.
A veciñanza reclama un cambio da rotonda para o centro do cruce das instalacións de Correos, para contribuír a reducir a velocidade do tráfico neste núcleo rural e conectar as distintas vías de comunicación, coa correspondente reurbanización da zona con beirarrúas e unha reserva de espazo para facer unha praza pública. Así, poderíase conectar lugares como O Noval, San Paio e As Quenllas desde a propia rotonda e facilitar os accesos.
Segundo explicaron no encontro, o Concello recibe arredor de 1,2 millóns de euros anuais de IBIU e de IAE do aeroporto de Lavacolla – Rosalía de Castro, xunto co IBI das vivendas, que non se traducen en compensacións para mellorar a calidade da veciñanza en Sabugueira. En concreto, referíronse á débeda histórica en canto á falta de saneamento nas vivendas desta parroquia, cando as instalacións de Correos están conectados á rede, o que consideran un agravio comparativo.
Lembraron o escaso pago que recibiron pola expropiación dos terreos cando se construíu o aeroporto, os condicionantes urbanísticos que implica a súa proximidade, a repercusión da alta afluencia de tráfico, a contaminación acústica e a invasión de vehículos foráneos que aparcan neste lugar, entre outros.
Colectores de lixo sobre unha cuneta en desnivel
Ademais, reclaman un cambio de emprazamento dos colectores novos porque os instalaron sobre unha cuneta, cun desnivel costa abaixo, e obrigan á veciñanza a cruzar coas bolsas de lixo, cartóns, envases e botellas nas proximidades dunha rotonda cunha alta densidade de tráfico de camións que saen das instalacións de Correos, o que supón un perigo grave de seguranza viaria, posto que o núcleo de poboación está da outra beira da estrada e nin sequera hai paso de peóns.
Outra das medidas que propoñen é que se libere o espazo público de coches e furgonetas de persoal de Correos, que impiden o seu uso por parte da veciñanza. Correos ten que habilitar un espazo propio para deixar os seus vehículos e os do seus traballadores e traballadoras, polo que cómpre reordenar o tráfico e a zona de aparcadoiro nesa área.
Reclaman tamén a poda de árbores do espazo público que están a causar problemas polo seu elevado tamaño e, recentemente, algunha delas caeu debido ao temporal. Isto ten consecuencias porque coa caída da folla tupen as canles por onde discorre a auga e provocan inundacións e balsas de auga na estrada cando chove.
Representantes veciñais solicitaron unha reunión co alcalde no mes de novembro, despois de lle enviar diversas comunicacións, e aínda non os recibiu nin lles contestou, segundo explicaron. “A falta de diálogo do alcalde coa veciñanza é unha mostra máis do desleixo, da apatía e da falta de eficacia do Goberno local do PSOE en Santiago de Compostela”, sinalou Goretti Sanmartín.