PLENO
O BNG traslada ao Parlamento a necesidade de modificar o trazado da senda peonil e ciclista do Milladoiro á estación intermodal
O proxecto da Xunta, realizado sen participación veciñal, ten unha grave afectación paisaxística, cultural e ambiental que cómpre corrixir
Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2023.- O BNG trasladará ao Parlamento, mediante unha Proposición non de lei, as demandas da veciñanza para instar o Goberno da Xunta a minimizar o impacto do proxecto “Eixo de mobilidade sostíbel en Santiago de Compostela, no treito do Milladoiro á estación intermodal”.
A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, a deputada Iria Carreira e o deputado Paulo Ríos mantiveron un encontro con Isaac Seoane Martínez, representante do colectivo de afectados por este proxecto da Axencia Galega de Infraestruturas que pode xerar un impacto moi negativo desde o punto de vista cultural e paisaxístico.
En concreto, detectaron que este trazado proposto pola Xunta ten unha grande afectación a unha zona natural como é o Banquete de Conxo e á convivencia da veciñanza por onde transcorre, polos cambios na mobilidade que implica.
O procedemento adoece tamén da necesaria participación e diálogo que requiren estes cambios, de aí que son moitas as persoas particulares, asociacións que están a presentar alegacións a este proxecto para reclamaren a modificación do trazado para evitar a degradación ambiental, cultural, paisaxística e de convivencia.
Desde o BNG considérase que é necesaria que esta infraestrutura conte co maior consenso posíbel da veciñanza e atenda as demandas para conseguir unha mobilidade máis sustentábel como unha boa alternativa para un menor uso de vehículos motorizados, co que se resolvería en boa medida con trasladar a senda peonil e ciclista á outra marxe da estrada como propón a veciñanza.
Este non é o único colectivo que está en contra deste proxecto, tamén a veciñanza de Conxo presentou alegacións porque considera que é necesario mellorar o trazado proposto pola Xunta.