O BNG esixe unha solución para ampliar o servizo de intérprete de lingua de signos a persoas xordas
Cos recortes orzamentarios, só dispoñen dun profesional a media xornada para atender as xestións básicas de toda a comarca de Compostela
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2015.- O grupo municipal do BNG de Santiago trasladará ao Pleno de febreiro unha iniciativa para que o Goberno local busque unha solución, como cabeceira de comarca e entre distintas administracións, para que as persoas xordas e xordocegas de Compostela poidan dispor de profesionais de interpretación da lingua de signos e guía de persoas xordocegas cando sexa preciso o seu servizo para realizar xestión básicas como ir ao médico, ao banco ou ás administracións, entre outras.
A Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela é unha entidade sen ánimo de lucro fundada no ano 1977. Esta asociación atende persoas xordas e xordocegas de toda a comarca que loitan, día a día, por conseguir a integración social, a igualdade de condicións e a eliminación de barreiras de comunicación aínda existentes para elas, explicou Rubén Cela.
Na actualidade, por mor dos recortes orzamentarios das axudas públicas, só dispoñen dunha persoa a media xornada para toda a comarca de Compostela que resulta insuficiente para garantir este dereito á accesibilidade e á igualdade, xa que moitos dos servizos solicitados polas persoas usuarias teñen que ser anulados.
Esta asociación considera necesaria a figura de profesionais da interpretación da lingua de signos e guía de persoas xordocegas de xeito permanente para contribuír a favorecer a eliminación de barreiras. Actualmente, teñen convenios cos concellos de Santiago de Compostela e de Teo, que tan só lles permiten manter a media xornada a contratación deste servizo de intérprete de lingua de signos.