O BNG reclama un Plan de Emprego Feminino para reducir a precariedade laboral das mulleres
En Santiago de Compostela hai 4.403 mulleres rexistradas no paro, un 11% superior ao paro masculino
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2015.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos defenderá no vindeiro Pleno municipal unha moción destinada a instar ao Goberno da Xunta de Galiza a aprobar, nun prazo máximo de dous meses, un Plan de Emprego Feminino, co orzamento necesario para se desenvolver nos próximos catro anos. En Santiago de Compostela hai 4.403 mulleres rexistradas no paro, un 11% máis que o paro masculino.
Este plan terá por obxectivo estabelecer medidas destinadas a incrementar a taxa de emprego feminino, promover a contratación de mulleres nos sectores en que está subrepresentada, reducir o alto grao de precariedade das traballadoras en Santiago de Compostela e en Galiza, ademais de atallar as problemáticas específicas das mulleres nos ámbitos produtivos e das mozas galegas para accederen ao emprego.
A situación de desigualdade que viven as mulleres galegas viuse acentuada co aumento da precariedade laboral desde comezos da crise, sen a implantación de políticas efectivas que puidesen frear o crecemento da fenda que sitúa as mulleres á marxe e que lles deixa cada vez máis as portas abertas ao desemprego, ao emprego precario ou á emigración.
Diferentes estudos e informes recollen datos sobre o desemprego e as lamentábeis condicións dos traballos que desempeñan as mulleres en Santiago de Compostela en Galiza, así como o elevadísimo número, sobre todo de mozas, que se viron obrigadas a abandonaren o noso país na procura dun futuro mellor.