Rexistradas 775 declaracións de autoinculpación por asistir á protesta contra a política da Troika
Xavier Vence: Imos seguir a defender os intereses deste país, da clase traballadora e de todas as persoas que queren un futuro diferente para Galiza
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2015.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, trasladaron aos Xulgados de Fontiñas, en Santiago de Compostela, as 775 declaracións de autoinculpación asinadas en solidariedade coas cinco persoas denunciadas por participaren durante a visita de Ángela Merkel a Galiza na protesta contra as políticas da Troika que empobrecen o noso país.
En declaracións aos medios de comunicación, Xavier Vence destacou a solidariedade amosada cos compañeiros encausados por unha denuncia falsa da Policía por manifestarse pacificamente contra as políticas da Troika e de Bruxelas, que destrozan a economía produtiva do noso país e arruínan conquistas históricas e dereitos sociais. Expresamos así a nosa plena solidariedade con Rubén Cela, Paulo Carril, Paulo Carballada, Xabier Aboi e Afonso Losada, afirmou, e temos claro que hai que plantarlle cara ás políticas que atacan o noso país e os dereitos sociais.
A sociedade galega ten claro a onde conducen estas políticas e as leis represivas como a Lei Mordaza non nos van amilanar, porque imos seguir a defender os intereses deste país, da clase traballadora e de todas as persoas que queren un futuro diferente porque saben que estas políticas nos conducen ao abismo social, á pobreza e á perda de calidade democrática., indicou.
Xesús Seixo referiuse ás políticas represivas do PP fronte aos movementos sociais, persoas e forzas políticas que adoptamos unha postura de confronto ás súas políticas antisociais. Ao PP non lle chega con levar adiante políticas económicas e laborais que conducen a unha situación de pobreza e de exclusión social a milleiros de persoas e a unha perda de dereitos importantes en canto a servizos públicos, sinalou. Non lle chega con empobrecer a clase traballadora, senón que ademais necesitan a satisfacción da súa ideoloxía franquista e iso maniféstase través do recorte de dereitos fundamentais como é o dereito á liberdade de expresión e de manifestación que nos levou moitos anos conquistar e que o PP intenta borrar; a isto obedece a modificación do Código Penal e da Lei de Seguridade Cidadá, engadiu.
Ademais, Rubén Cela, portavoz municipal do BNG de Santiago e un dos encausados, agradeceu as mostras de apoio e de solidariedade recibidas a través destas declaracións de autoinculpación e asegurou que non van conseguir amedrentar a quen defende dereitos fundamentais, porque a liberdade de expresión e de manifestación non se negocia.