Rubén Cela: “A política urbanística de Agustín Hernández é a mesma que a de Conde Roa”

Rubén Cela: “A política urbanística de Agustín Hernández é a mesma que a de Conde Roa”

Galiza Nova e o BNG organizan un acto para chamar a atención sobre “o intento de pelotazo que quere dar o PP nunha parcela pública en Xoán XXIII”

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2015.- O BNG de Santiago de Compostela e Galiza Nova organizaron un acto para reclamar a construción de vivenda pública destinada ao alugueiro nunha parcela pública da avenida de Xoán XXIII, de acordo co proxecto inicial que o PP quere cambiar para facer vivenda libre neste emprazamento. Entre as persoas asistentes, ademais de Rubén Cela e de Hugo Rei, estaban Elvira Cienfuegos, Rafael Vilar, Goretti Sanmartín, Néstor Rego, Ana Pontón e Alberte Mera, xunto con membros da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, militantes e simpatizantes tanto do BNG como de Galiza Nova.

Rubén Cela, portavoz municipal nacionalista en Raxoi, explicou que o BNG denunciou, tanto no Concello como no Parlamento, o “auténtico intento de pelotazo que o PP de Agustín Hernández intenta dar nesta parcela de Xoán XXIII”. “Esta era unha parcela pública para construír vivenda pública dirixida ao alugueiro de xente nova, que o Goberno do PP quere utilizar para construír vivenda privada, libre, de luxo e con vistas á Catedral”, afirmou.

“Está claro que en Santiago de Compostela mudan as caras dos alcaldes, pero non muda a política urbanística do PP”, explicou, “aquí vemos como a política urbanística de Agustín Hernández é exactamente a mesma que a de Conde Roa”. Neste sentido, avanzou que o BNG seguirá a cuestionar, na rúa e nas institucións e as veces que faga falta, os casos de especulación e a necesidade de dotar Compostela de vivenda de protección pública, para as rendas máis baixas e, sobre todo, para a mocidade.

Pola súa parte, Hugo Rei, responsábel de Galiza Nova en Santiago de Compostela, manifestou que esta organización xuvenil rexeita o cambio de proxecto de vivenda protexida en alugueiro destinada á mocidade, “nun emprazamento próximo ao campus universitario, por outro que só vai beneficiar a xente con máis diñeiro e os intereses dun construtor, o que favorece a especulación, nun momento en que se acrecentan as desigualdades sociais”. Sinalou tamén que cada vez a xuventude ve máis lonxe a emancipación, porque o PP se empeña en facer reformas laborais que destrúen o emprego e “só favorecen os contratos lixo que non chegan para alugar nin mercar vivenda”.

Polo tanto, afirmou, “Galiza Nova rexeita a política urbanística que favorece a especulación e esixe que se execute o proxecto inicial para crear 40 vivendas de protección pública para menores de 35 anos en Xoán XXIII”.

Rubén Cela: “A política urbanística de Agustín Hernández é a mesma que a de Conde Roa”