O BNG defenderá unha moción para reclamar o asilo político do activista saharauí Hassanna Aalia
Interior pretende denegarlle a protección internacional
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2015.- O BNG trasladará ao Pleno de febreiro unha iniciativa para esixirlle ao Ministerio de Interior que conceda o Asilo Político a Hassanna Aalia, activista saharauí de Dereitos Humanos e defensor do dereito de autodeterminación do Pobo Saharauí recoñecido pola lexislación Internacional, dado que o seu retorno ao Sahara Occidental supón un risco real para a súa integridade física.
Hassanna é un mozo saharauí de 26 anos, que naceu no Aaiún e solicitou o asilo político en xaneiro de 2012, tras decatarse que o seu nome figuraba na relación de acusados que ían ser xulgados en Rabat por un Tribunal Militar polos feitos do Gdeim Izik. Hassanna estaba nese momento no Estado español, non por estar perseguido polo seu activismo en favor da causa saharauí, senón para estudar cunha bolsa que lle foi concedida para aprender español. A lei española que regula as condicións para a solicitude de asilo político estabelece cláusulas e prazos excepcionais cando as circunstancias que xustifican a petición se deben a causa sobrevida no país de orixe, como sucedeu neste caso.
Interior denegoulle a protección internacional porque na sentenza escrita non figura o nome de Hassanna entre os condenados, aínda que os observadores internacionais confirmaron que si foi nomeado na sala cando se leu o veredito a cada un dos acusados. Por esta razón, o Estado español considera que hai un procedemento penal inconcluso e, aínda que non o di expresamente, no fondo avala a validez dun xuízo que foi denunciado polas máis importantes organizacións internacionais de defensa dos Dereitos Humanos por non ofrecer ningunha garantía ás persoas procesadas.