A duplicidade dos postos anulados tivo un custe de 450.000 euros que pagará a veciñanza a escote
Mudaron as caras dos alcaldes do PP pero non o fondo, porque Agustín Hernández actúa tamén sen rigor e rindo da Xustiza e da cidade, afirma Rubén Cela.
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do nacionalista, Rubén Cela, afirmou que o Goberno local de Santiago tardou case un ano en aplicar a sentenza do TSXG que anula a creación das novas prazas habilitados estatais de secretario, interventor e tesoureiro -aínda que esta última non se chegou a cubrir-, que ratifica o cuestionado polo BNG e as centrais sindicais en reiteradas ocasións no Pleno municipal.
O TSXG vénlle dar a razón ao que o BNG denunciara de xeito reiterado dende hai tres anos: que a creación destas novas prazas de interventor e de secretario non estaban xustificadas e eran ilegais, explicou. Aquela decisión tomada por Conde Roa, que mantiveron Ángel Currás e Agustín Hernández, este último pese á sentenza de maio de 2014, foi partidista e sectaria, con plena consciencia de que non se axustaba a dereito e con absoluta prepotencia e autoritarismo, indicou Rubén Cela, porque recoñecía que non estaba xustificada a creación das prazas de interventor e de secretario, nin por volume de traballo, nin por falta de profesionalidade nin produtividade dos profesionais que exercían estas funcións nos anos anteriores.
Esta decisión tomouse de xeito simultáneo á aplicación de serios recortes, afirmou. O PP non tiña reparo en recortar dereitos laborais e condicións salariais do cadro de persoal ao tempo que incrementaba o gasto en cargos de libre disposición de confianza política. Ademais, deixou o anterior secretario e interventora sen asignación de traballo.
Este sobrecuste de 450.000 euros, mais os gastos da defensa xurídica, por ter estas prazas duplicadas durante tres anos non os vai pagar o PP senón o conxunto da veciñanza a escote, afirmou. Así, equiparou esta cantidade á que se vai destinar nos Orzamentos á chamada renda social para persoas desempregadas de longa duración, cando iso é prioritario nestes momentos de crise económica.
Esta é a mellor foto fixa de como goberna o PP, que mudou as caras dos alcaldes pero non o fondo e segue a actuar sen rigor, sen respecto ás normas, con sectarismo, primando os intereses do partido sobre a cidadanía e rindo da Xustiza e da cidade, cunha estratexia dilatoria para aplicar as sentenzas co fin de chegar até as eleccións.