Dende a chegada do PP á Alcaldía, a empresa da ORA non ingresaba o que lle correspondía ao Concello
Rubén Cela lembra que foi o BNG quen alertou de que se produciu unha situación anómala e sen control nestes tres últimos anos ao deixar de recadar o canon desta concesión municipal
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2015.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, afirmou que foi o BNG quen advertiu que a empresa concesionaria da ORA e do guindastre non ingresaba o canon variábel ás arcas municipais dende a chegada do PP á Alcaldía, unha suma que nas previsións ascendía a máis de 300.000 euros anuais e que o Goberno local nin sequera chegou a incluír na Conta Xeral de 2013.
O BNG, no seu labor de oposición, foi quen detectou que se produciu unha situación anómala e sen control por parte do Goberno local nestes tres últimos anos, explicou Rubén Cela. Deste xeito, requiriu a documentación necesaria e que se aplicase o canon variábel previsto, tendo en conta que antes da chegada do PP estes ingresos supuñan uns 200.000 euros para as arcas municipais, que a concesionaria deixou de transferir pese a que as estimacións previas á adxudicación a Setex Aparki eran de 348.359 euros anuais. Esta concesión é un dos temas investigados nos Xulgados de Lugo, no marco da operación Pokemon.
Así, coa presión do BNG conseguiuse que se abrise unha investigación no marco do control económico-financeiro dirixido pola Intervención municipal, froito da que se lle requiriu documentación complementaria ao concesionario e se esclareceu a fórmula de retribución do canon, polo que agora viuse na obriga de facer este ingreso con intereses de mora para regularizar o abono do canon variábel que adebeda. De non ser polo BNG, o grupo de Goberno seguiría mirando para outro lado, explicou, a pesar de que nunca se deu unha explicación do acontecido a pesar dos requirimentos reiterados por parte do noso grupo municipal.
Se ben o servizo da ORA e do guindastre non se poden enfocar como unha fonte de ingresos para o Concello, senón como unha prestación para mellorar a mobilidade e para garantir os dereitos de peóns e vehículos que cumpren as normas de tráfico, esta concesión non pode converterse nunha fonte de enriquecemento desproporcionado dunha empresa privada que presta este servizo a costa dos veciños e das veciñas.
A previsión de multas estaba inflada para cadrar os Orzamentos
Ademais, Rubén Cela lembrou que xa o BNG advertira no Pleno que as previsións de ingresos por multas de tráfico estaban infladas nos Orzamentos municipais co fin exclusivo de cadrar as contas da estimación de gastos do Goberno municipal. O PP utilizou a previsión de ingresos de multas para cadrar os números nun exercicio de maquillaxe contábel destes Orzamentos municipais, engadiu Rubén Cela.